Persoal da área sanitaria da Coruña presenta máis de 2.000 sinaturas en prol de protocolos actualizados contra as agresións

Representantes do persoal sanitaria da área da Coruña entregan máis de 2.000 sinaturas na Consellaría de Sanidade. (Foto: Arxina)
A xunta de persoal fixo entrega das firmas na Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela.

A xunta de persoal da área sanitaria da Coruña e Cee fixo entrega esta sexta feira, no rexistro da Consellaría de Sanidade en Santiago de Compostela, das máis de 2.000 sinaturas recollidas entre os diferentes colectivos profesionais para manifestar o desacordo coa forma de proceder da xerencia ante as últimas agresións rexistradas.

A presidenta da xunta de persoal, Lucía Peón Soutiño (CIG), denunciou que máis dous meses despois da grave agresión rexistrada nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña "a xerencia continúa sen achegar solucións" e non se reuniu aínda cos órganos de representación ou co persoal "a pesar de así terllo solicitado".

Peón Soutiño critica que, malia as reiteradas peticións e as intensas mobilizacións do persoal, non se puxo en marcha "nin unha soa medida preventiva" polo que "o que pasou pode volver ocorrer porque non se están adoptando medidas para evitalo". De feito, lembrou que a propia Inspección de Traballo considerou que o protocolo facilitado para a atención a pacientes potencialmente agresivos en urxencias do hospital da Coruña "non vale por ser inespecífico".

Para a presidenta do órgano de representación, esta inacción "demostra unha absoluta falta de compromiso coa seguridade das e dos profesionais desta área sanitaria. Queremos solucións e querémolas xa", aseverou.

Ás portas da Consellaría, onde se volveu reclamar o cesamento do xerente, a xunta de persoal reiterou que as traballadoras e os traballadores só piden acudir aos seus postos en condicións de seguridade e poder dar unha atención sanitaria de calidade. "Pero para iso precisamos máis profesionais, espazos axeitados e protocolos de traballo claros e coñecidos".

No escrito presentado a Sanidade demandan protocolos actualizados e formación en todos os servizos, unidades e centros de traballo fronte unha posíbel agresión, "para saber actuar cando esta se produce: a quen chamar, como proceder, como notificar, asesoría xurídica, atención médica etc.".

Ademais, reclaman medidas preventivas para evitar que se produzan agresións, cunha revisión dos espazos adecuados, avaliacións de postos de traballo, avaliacións das cargas asistenciais e dotación suficiente de recursos materiais e profesionais.