Persoal de centros públicos e privados denuncia o "fracaso" do modelo da Xunta para a dependencia

Concentración de persoal de residencias privadas esta quinta na Coruña. (Foto: CIG)

Traballadoras de residencias mobilizáronse esta quinta feira en defensa de mellores condicións laborais e co trasfondo do deterioro dun servizo cada vez máis tensionado

Na Galiza hai 21.389 prazas en residencias para maiores, distribuídas en 325 centros. Unha cifra xa de por si escasa. A Galiza conta cunha taxa de 14,51 centros de maiores por cada 10.000 persoas de 80 anos ou máis, unha cifra case catro puntos máis baixa que a media estatal, segundo o primeiro Censo de Centros Residenciais de Servizos Sociais no Estado español. Ademais, segundo o informe publicado en xaneiro pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, á Galiza fáltanlle 13.404 prazas en residencia de maiores para ter a ratio recomendada polos organismos internacionais —cinco prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos— e xa é a cuarta comunidade, tras Andalucía (-35.857), País Valencià (-24.801) e Catalunya (-14.428), cun maior déficit. Poucas prazas para atender as persoas dependentes e, ademais, cunha repartición claramente desiquilibrada en canto a titularidade e xestión: Desas máis de 21.000 prazas só 2.122 son de titularidade e xestión pública, ou sexa, apenas unha de cada 10.

Esta quinta foi unha xornada de mobilización de traballadoras das residencias privadas e públicas. Os cadros de persoal dos centros de maiores —privados, concertados e públicos— coincidiron para demandar unha serie de reivindicacións que non se limitan ao estritamente laboral e que van máis alá, ao sinalar un modelo concreto para a dependencia, o impulsado pola Consellaría de Política Social, que dirixe Fabiola García.

Concentración en Ourense. (Foto: Nós Diario)

"O modelo de dependencia e coidados do que presume a Xunta é, con perdón, unha bobada", afirma a Nós Diario con rotundidade Mar Peteira, do Comité Intercentros de Política Social, convocante das concentracións desta quinta feira ante as residencias públicas. "Falta persoal, o que hai está esgotado, cada vez mandan máis persoas novas con problemas psiquiátricos e de adicións a ingresar en centros de maiores, que non están preparados en absoluto para iso...", apunta. "O seu modelo é privatizar. De xestión pública hai agora as mesmas residencias que había en 2009, cando o Partido Popular chegou á Xunta da Galiza", afirma, "todas as que se fixeron desde entón, privadas". 

Beatriz Fernández, xerontóloga e responsábel da CIG no sector das residencias privadas de Ferrolterra, concorda co exposto por Peteira. "Este modelo non vale", indica a este medio. "Apostan pola privada no canto da pública, mais cal son as condicións da privada? Baixos salarios, sobrecarga... e todo iso repercute nas persoas usuarias" A CIG convocou a folga desta quinta nas residencias privadas —12.000 traballadoras—, onde a maior parte están por debaixo do salario mínimo. O modelo privado da dependencia polo que aposta a Consellaría supón, para Fernández, un triplo roubo: "Róubannos ás traballadoras o noso salario, ás usuarias e familias cos prezos altos que teñen que pagar, e á sociedade cos millóns que cada ano destina a Xunta ás empresas privadas de dependencia".  Segundo ten denunciado o BNG e o PSdeG no Parlamento, máis de 100 millóns de euros anuais.

"A Xunta non o fai"

Para Francisco Vázquez Vizoso, médico xubilado e membro do Grupo Promotor da Asociación Galega en Defensa do Sistema Público da Dependencia e Discapacidade (Asgaded), o modelo de dependencia da Xunta é "nefasto". Vizoso sinala a Nós Diario que o Goberno galego "renunciou a ter un sistema público de dependencia" e fixo unha aposta desde o principio polo privado, "e iso ten consecuencias", tanto para o persoal —en peores condicións laborais— como para as persoas usuarias —que deben de pagar, ás veces cantidades moi altas, polo que debería ser un dereito—. Apunta á política da Xunta de dar bonos e axudas económicas a familias de dependentes como contraria ao que estabelece a Lei de dependencia: "A lei di que as axudas deben de ser a excepción e que as Administracións teñen que prestar o servizo. A Xunta da Galiza non o fai", denuncia.

 "Hoxe [por esta quinta feira] familiares de usuarias saíron a apoiarnos na concentración que tivemos ás portas do centro", explica Beatriz Fernández. "Elas saben ben como temos que desenvolver o noso traballo". Lembra que en plena pandemia desde as administracións "aplaudíannos e dicíannos que eramos sectores fundamentais". Cinco anos despois, "traballamos por baixo do salario mínimo interporofesional, con dificultades e trabas para conciliar e sen compensacións en festivos" ante o "desinterese" dos que antes aplaudían.

Mar Peteira, Belén Fernández, Francisco Vizoso e Fabiola García.

As persoas usuarias, coinciden Fernández, Peteira e Vizoso, son as principais prexudicadas polo actual modelo de dependencia. "Non se trata só de limparlles o cu e darlles de comer, son persoas vulnerábeis, ás que hai que dedicar o seu tempo, escoitara as súas necesidades e preocupacións... E isto nas condicións actuais é case que imposíbel", lamentan.


Recorte de 6% no investimento nas persoas dependentes

De todas as comunidades, só tres diminuíron durante o Plan de Choque (2020-2023) após a pandemia da Covid o investimento na atención a persoas en situación de dependencia. Unha delas, Galiza (-6,4). A comunidade é a a que ten menor porcentaxe de persoas atendidas sobre a poboación potencialmente dependente (16%) fronte a 23% de media estatal. Na Galiza o investimento en dependencia por persoa potencialmente dependente e ano sitúase en 1073 euros á cola do Estado. 

Volta do Castro. (Foto: Nós Dairio)

Segundo os datos oficiais, ao redor de 1.500 persoas agardan unha praza nunha residencia na Galiza. Das 21.389 prazas que hai, máis de 9.000 están en centros privados con ánimo de lucro (42% do total de prazas), mentres que 2.295 son de titularidade pública mais xestionadas por empresas con ánimo de lucro. A dificultade de acceder a unha praza pública obriga moitas familias a procurar unha opción na privada, onde os prezos poden superar os 2.000 euros mensuais. A pensión media é de 1.123 euros na Galiza, 185 menos que a do Estado español. Na Galiza faleceron na lista de espera de dependencia 6.571 persoas nos últimos 8 anos (2017-2024), 5.730 pendentes do recoñecemento algunha prestación ou servizo do sistema.