Permanecen ingresados en prognóstico grave os cinco brigadistas feridos no incendio de Barreiros
Continúa grave un dos efectivos ferido nos lumes de agosto, mentres que o outro evolución favorabelmente.
Os cinco brigadistas feridos nun incendio rexistrado no municipio de Barreiros (A Mariña) permanecen ingresados con prognóstico grave na Unidade de Queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).
Tamén continúan recibindo asistencia neste servizo dous dos profesionais feridos nos incendios de agosto, un deles grave e outro con evolución favorábel.
Segundo informaron esta terza feira fontes sanitarias, non se produciron cambios desde a xornada da segunda feira no estado dos brigadistas feridos o domingo no incendio rexistrado en Barreiros, segundo Medio Rural, xa estabilizado e que arrasou 80 hectáreas. Os cinco presentan prognóstico grave, por queimaduras de segundo grao.
Un dos brigadistas ten 24 anos, ten afectado o 25% do corpo e resultou intoxicado por inhalación de fume. Outro dos profesionais, de 25 anos, ten o 15% do corpo afectado polas queimaduras de segundo grao. O terceiro destes brigadistas ten 24 anos e as feridas afectaron un 10% do seu corpo. Ademais, outro dos bombeiros ten 29 anos e unha afectación do 8% e, por último, o quinto dos brigadistas, de 27 anos, ten feridas no 5%.
Feridos en agosto
Estas fontes sinalaron que tampouco presentan cambios os dous traballadores feridos nos incendios de agosto que seguen ingresados na mesma unidade. Un dos efectivos continúa en estado grave mentres o outro evoluciona favorabelmente.
Segundo trasladaron a segunda feira, no caso do brigadista de 18 anos, sofre queimaduras terceiro grao con afectación no 40% do corpo. Está estábel aínda que o seu prognóstico segue sendo grave.
Pola súa parte, o bombeiro de 46 anos evoluciona favorabelmente. No seu caso, ten queimaduras de segundo grao con afectación no 10% do corpo.