Permanecen activos os incendios de Melón e Ribadavia

Incendio de Ribadavia. (Foto: Europa Press)
Por vías oficiais sábese que foron calcinadas por agora 150 hectáreas nestes tres lumes. Porén, son datos obtidos durante a cuarta feira, polo que é probábel que o terreo afectado teña unha extensión maior.

Os dous incendios que afectan a parroquia de Quins, no concello de Melón, e o de Ribadavia, permanecen activos na mañá desta quinta feira, segundo confirmou Medio Rural no seu parte diario.

Segundo este último informe, os tres incendios queimaron 150 hectáreas en total: 85 os dous de Melón e 65 o de Ribadavia. Porén, este dato xa era coñecido onte, polo que é probábel que a cifra real de hectáreas calcinadas sexa aínda maior.

O lume no concello de Ribadavia orixinouse contra as 22.11 horas da segunda feira na parroquia homónima.

Nas tarefas de extinción traballan dous técnicos, 21 axentes, 48 brigadas, 34 motobombas, catro pas, unha unidade técnica de apoio, seis helicópteros e cinco avións, no que supón o maior despregamento de medios nestes intres.

Incendios en Melón

En canto aos dous incendios rexistrados no concello de Melón, o primeiro detectouse arredor das 22.30 horas da segunda feira e tampouco puido ser controlado, con 35 hectáreas calcinadas rexistradas por agora.

No mesmo lugar no que se orixinara o primeiro lume, un segundo foco xurdiu só 24 horas despois, contra as 22.38 horas desta terza feira, queimando por agora, de maneira oficial, 50 hectáreas.

No primeiro dos incendios están a participar nos labores de extinción seis axentes, doce brigadas, nove motobombas e un helicóptero. En canto ao segundo, participan 12 axentes, 18 motobombas, dúas pas e medios aéreos sen especificar. 

Aliás, cumpridas as 21 horas da terza principiou outro na parroquia de Cuíña, en Palas de Rei, que foi sufocado polos servizos de emerxencias contra as 2.21 horas desta madrugada e calcinou unha superficie que rolda as 22 hectáreas, mais xa está extinguido.