A vía que percorrerá todo o litoral poría en risco espazos protexidos

As Gándaras de Budiño son un claro exemplo da degradación que sufriron as zonas húmidas da Galiza. (Foto: Nós Diario)
A Xunta da Galiza tardou máis de vinte anos en rexistrar os humidais do país no Inventario de Zonas Húmidas previsto por lei en 2001. En 2023 incluía por fin, 400 espazos deste tipo no Inventario, só unha parte dos "máis de 1.100" espazos naturais destas características que cifraba o informe 'Conservación e Xestión de Humidais en Galicia', editado polo Ibader en 2017. Máis agora o perigo que enfrontan os espazos con estas características é o dun uso turístico que pon en perigo os seus valores naturais e que a Xunta parece promover coas súas políticas.
 

Cada 2 de febreiro, a Convención de Ramsar celebra o Día Mundial das Zonas Húmidas para crear conciencia en todo o mundo sobre a súa importancia e a necesidade de conservalas. As zonas húmidas cóntanse entre os ecosistemas máis produtivos do planeta e cumpren funcións ecolóxicas fundamentais para a humanidade e que os converten en chave para enfrontar os retos do cambio climático e da crise de biodiversidade. Ademais, albergan unha importante biodiversidade e constitúen o hábitat de numerosas especies animais e vexetais.

A Xunta da Galiza aproveitou a efeméride para anunciar, o día 3, un investimento de 4,65 millóns de euros no desenvolvemento de diferentes actuacións para a restauración e posta en valor de zonas húmidas de interese até o ano 2028. O propio presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, desprazáronse até as Gándaras de Budiño, no Porriño, para informar da primeira das actuacións programadas: unha intervención que duplicará a superficie da lagoa de 6.000 metros cadrados, que xa está a ser recuperada a través de traballos de restauración. 

Este optimismo contrasta co contido do comunicado que a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) facía público o día anterior, denunciando que moitas das zonas húmidas da Galiza seguen degradándose malia estaren incluídas en figuras de protección, e pondo como exemplo a recente agresión sufrida polas turbeiras do Barbanza, que afecta gravemente varios hábitats dun elevado valor ecolóxico.

Turistificación do medio

A esta preocupación únese o anuncio –o pasado mes de novembro– da creación dun sendeiro litoral que bordearía toda a costa do país e que pasaría por varios espazos protexidos cuxo estado de conservación prognostica que sufrirían graves danos se se someten a unha sobrecarga turística. 

Fins Eirexas, secretario técnico de Adega, afirma, en conversa con Nós Diario, que "a idea que ten o Goberno do PP da conservación da natureza é que os espazos naturais son lugares que deben ser humanizados e utilizados porque ese é o único obxectivo que teñen. As liñas de actuación que propugnan a Unión Internacional de Conservación da Natureza (IUCN, polas súas siglas en inglés), o Convenio de Ramsar que asinou o Estado español, ou a propia ONU van xusto en sentido contrario. Nós non nos opoñemos a que os espazos naturais teñan un uso social, pero a propia lexislación –a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade– estabelece que o principal obxectivo de calquera figura de protección é a conservación dos valores naturais e, de xeito secundario, determinados usos como os produtivos, turísticos, culturais e outros".

Oscar Rivas, presidente da Sociedade Ornitolóxica Galega (SGO) indica a este xornal que "existe unha certa propensión a turistizar os espazos naturais, o cal é unha tendencia prexudicial. Ningunha das persoas que traballamos en conservación estamos en contra do turismo como unha fonte de recursos complementaria, pero non debe ser planificado a grande escala, senón que debe estar planificado e subordinado á conservación, e non ao revés". 

Falta de transparencia

Tamén provoca inquietude a actuación xa iniciada nas Gándaras de Budiño, e mesmo o feito de que Rueda se desprazara até alí para facer o anuncio e mesmo afirmara que a actuación neste humidal é un exemplo de que "é posíbel compatibilizar o desenvolvemento industrial co mantemento da natureza".

"É como se o anuncian na lagoa de Antela (A Limia), drenada polo franquismo na década de 1950", afirma Eirexas. "Son dous espazos nos que se actuou xusto da forma contraria a como debería facerse para conservar os seus valores naturais".

Rivas, ademais, confirma que non teñen información sobre se existe un estudo técnico que sustente esta actuación, denotando falta de transparencia e de participación pública. "A Xunta non nos informou nin nos consultou, como fai outras veces. Descoñecemos case todo o que se vai facer, así que só nos queda esperar que o proxecto responda ao interese xeral".

Sen estudos técnicos

Desde a SGO ignoran se existe un estudo técnico detrás desta actuación, mais si se sabe que a principios de século se elaborou, para a Confederación Hidrográfica do Norte (logo segregada en dúas partes), un documento ben xustificado para a restauración das Gándaras de Budiño que nunca se levou á práctica. Posteriormente, houbo unha intervención cun orzamento moi reducido que non conseguiu frear a degradación deste espazo, nin recuperar as condicións hídricas ou as comunidades vexetais e faunísticas.

O que se está a realizar agora, con fondos NextGenerationUE e Feder, din desde a SGO, segue sen modificar as causas que levaron á colmatación da lagoa de Budiño. E durante este tempo, a lagoa foise degradando de tal maneira que se extinguiron a maior parte das comunidades vexetais existentes até o punto de que a súa recuperación semella inviábel.

Por outro lado, realizouse unha actuación de rozado das beiras na zona dos observatorios ornitolóxicos que deixou as árbores nunha disposición semellante á dun parque urbano, polo que as condicións de discreción que deben manter estes espazos perdéronse, facéndoos inútiles para o obxectivo para os que están supostamente programados. Agora é unha zona moi coñecida
de cruising.

"Até que non se concreten estes investimentos non podemos asegurar nada", declara Fins Eirexas, "pero os antecedentes fannos pensar que van ir dirixidos a medidas de urbanización, a acrecentar a presión sobre estes espazos, xa nun estado de conservación moi fráxil, en vez de buscar a recuperación das funcionalidades ecolóxicas que son chave para enfrontar os novos retos climáticos". 

Confrontación política 

Se cadra, deberiamos asociar o anuncio de Rueda co que fixo o día anterior a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Sara Aagesen, que desvelaba a posta en marcha do proxecto LIFE Humedales, que con 160 millóns de orzamento, quere restaurar 26.100 hectáreas de zonas húmidas nun período de dez anos.

"Tampouco temos información detallada sobre este proxecto", recoñece Óscar Rivas. "Ás veces aprovéitanse estes temas para, máis alá dos propósitos de conservación, buscar unha confrontación política que enrarece o ambiente e fai perder de vista os obxectivos importantes".

Fins Eirexas apunta a que este tipo de accións en favor da conservación deben estar por riba da loita política. "Son espazos que proporcionan servizos indispensábeis, desde a calidade do aire até a potabilidade da auga e que, se cadra, son máis necesarios agora que vivimos baixo as ameazas do cambio climático e da crise de biodiversidade. Pero estamos a vivir tempos en que algúns negan evidencias científicas incuestionábeis, nunha especie de trumpismo ambiental que busca confundir nunha estratexia que agochan intereses económicos moi concretos. O movemento ecoloxista sustenta as súas demandas en datos científicos, pero se estes son postos en cuestión resulta difícil avanzar na loita contra esas ameazas".

Eirexas pon como exemplo o tratamento da cuestión do lobo. "A conselleira de Medio Ambiente mantén un discurso que non é que contradiga os nosos datos, é que contradí os datos da súa propia consellaría, para crear un estado de opinión desfavorable á conservación dunha especie apical insubstituíbel".