Pedro Branco comprométese co lema do Día da Muller para “non deixar que o pasado avance”

Acto institucional polo 8M na Coruña (Foto: Nós Diario)
O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, aproveitou a conmemoración do 8M na Coruña para reivindicar a incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas e advertir do perigo dos discursos que cuestionan os avances feministas.

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, reivindicou hoxe na Coruña o “saltos en igualdade” que deu o Estado español co Goberno de Pedro Sánchez, coa incorporación da perspectiva de xénero en todas as políticas públicas, remarcando que “nestes nove anos demos saltos e non pasos, e cada dereito que conseguiron as mulleres nos fixo mellores, a homes e a mulleres: ao conxunto da sociedade”. 

No acto institucional organizado pola Delegación do Goberno con motivo do Día da Muller, Pedro Branco defendeu o feminismo como “forza transformadora da sociedade que permite que sexa máis xusta, máis libre e máis demócrata”. “Unha realidade incontestábel” sinalou, “diante da que xorden discursos reaccionarios que non podemos obviar e que si debemos combater e silenciar”. Estivo acompañado no evento pola subdelegada do Goberno español en Lugo, Olimpia López; polo subdelegado na Coruña, Julio Abalde, e polo subdelegado en Pontevedra, Abel Losada.

A conmemoración, que congregou a persoal da Administración, das Forzas de Seguridade, representantes de asociacións feministas e veciñais, continuou cun diálogo ao redor do feminismo e as mulleres referentes. Nel participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; a presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro, e a decana do Colexio Oficial de Xornalistas de Galiza, Belén Regueira. 

As catro reflexionaron sobre a responsabilidade que asumen as mulleres en postos de liderado, o acoso e os ataques que reciben promovidos polo ecosistema machista e os pasos que deben promover os poderes públicos para erradicar estes discursos e protexer ás mulleres e ás nenas diante destas novas realidades.

Esta comprometeuse co lema escollido polo Ministerio de Igualdade para conmemorar esta efeméride, “Mulleres de alto valor: non deixaremos que o pasado avance”, e que denuncia os discursos reaccionarios en redes sociais e outros medios que perpetúan os roles de xénero e que poñen en risco dereitos acadados nas últimas décadas pola loita feminista. Este lema recóllese nunha gran pancarta que durante estas semanas pendurará na fachada principal da Delegación e que foi presentada tamén no acto de hoxe.