O patrón de costa do pesqueiro 'Tafra 3' di que "non viron vir" o 'Right Whale': "O barco foi ao fondo en 5 minutos"

O 'Tafra 3', antes de afundir, co buraco provocado polo choque co 'Right Whale'. (Foto: Europa Press)

José Manuel Diz, patrón de costa do pesqueiro afundido, chegou esta cuarta feira ao aeroporto de Peinador, en Vigo.

José Manuel Diz, o patrón de costa do pesqueiro Tafra 3, afundido a pasada sexta feira na costa de Mauritania, asegurou que "non viron vir" o buque que os abordou, o Right Whale, indicando que o barco se foi ao fondo "en 5 minutos" sen que lles dese "tempo a nada".

Así o sinalou Diz ante os medios de comunicación á súa chegada ao aeroporto de Peinador de Vigo, arredor das 12.30 horas desta cuarta feira.

"Xa vistes o que pasou. Máis claro, auga", apuntou o tripulante, relatando que estaban a recoller o aparello de pesca cando sentiron o golpe e "non lles deu tempo a nada". "Foi iso, non ten outra explicación", lamentou.

El indicou que viran o Right Whale a varias millas e logo no momento do impacto. "Non o ves vir", subliñou, insistindo en que ao estar a traballar —o Tafra 3 tiña o aparello largado— tes "manobra restrinxida", polo que é o outro buque o que ten que manobrar.

Ademais, quixo destacar que tanto el como o resto dos seus compañeiros que lograron sobrevivir non estiveron presos "en ningún momento", agradecendo o bo trato recibido tanto por parte do armador, como das autoridades españolas e mauritanas.

Sobre o resto de mariñeiros do Estado español, aclarou que no buque só viaxaba outro galego, o patrón Javier Gestido, que se atopa ben nun hotel de Mauritania por "formalismos" e para realizar "algunha papelada" pendente.

Na mesma liña falou unha das responsábeis da armadora viguesa Baipesca, Claudia Martínez, que explicou que cando o barco partiu si ían tres mariñeiros con DI do Estado español: dous galegos e un de Huelva. Con todo, este último cambiou de buque antes do incidente.

Martínez lamentou a perda de 5 persoas, indicando que aínda continúa a procura destes mariñeiros desaparecidos. "Son momentos moi duros", lamentou, lembrando que hai unha investigación en marcha para que se aclare o acontecido.

Feitos

Un total de cinco persoas continúan desparecidas despois de que o Right Whale, de 105 metros de eslora e bandeira de Gambia, chocase co Tafra 3, con pavillón de Mauritania, capital galego e dous galegos a bordo, chegando esta cuarta feira Diz a Vigo tras o ocorrido.

O suceso produciuse ás 20.40 horas —hora galega— fronte á costa de Nouadhibou, no norte de Mauritania, onde actualmente faenan outras embarcacións de capital galego, así como español. O capitán e o primeiro oficial do Right Whale foron detidos.