O detido nun local de lecer da Coruña por presunta agresión sexual a unha muller, en liberdade pero investigado

'Los Cantones Village', na Coruña. (Foto: Google Maps)
"Estes protocolos están a funcionar, este tipo de condutas non caben nunha sociedade democrática que aposta pola igualdade", celebrou a alcaldesa.

O home detido na madrugada do pasado domingo, día 29, por presunta agresión sexual a unha muller nun local situado no complexo de lecer Los Cantones Village da Coruña pasou na tarde desta segunda feira a disposición xudicial. Agora vén de ser posto en liberdade, sen medidas mais investigado por un delito de abusos sexuais.

Así o confirmaron fontes policiais consultadas por Europa Press. Segundo as mesmas, os feitos sucederon entre as 4 e as 7 horas, cando, supostamente, o home realizou tocamentos á denunciante sen o seu consentimento e tentou bicala na boca cando ambos se atopaban nun pub.

A detención produciuse despois de que os porteiros do estabelecemento tivesen que intervir ante o suceso e alertasen as autoridades. O arrestado foi conducido ás dependencias da Policía Nacional en Lonzas, onde permaneceu até que pasou a disposición xudicial, segundo confirmaron as mesmas fontes.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, condenou "totalmente" o comportamento do home detido e destacou que se aplicou "inmediatamente" o protocolo en materia de agresión sexual e violencia de xénero.

Así o manifestou esta segunda feira a preguntas dos xornalistas, nunha intervención na que subliñou o seu agradecemento á "rápida actuación" do porteiro e a dirección do estabelecemento, así como da Policía local, que operaron con "absoluta celeridade".

"Estes protocolos están a funcionar, este tipo de condutas non caben nunha sociedade democrática que aposta pola igualdade", sentenciou a rexedora da cidade herculina.