As parroquias en alto risco por incendios aumentan 25% nun ano

Apicultores revisan as súas colmeas nunha área de Monterrei afectada polo incendio de Cualedro nunha imaxe de aqruivo (Imaxe: Rosa Veiga E.P.)

O plan de loita contra o lume da Xunta ( Pladiga) para a campaña de 2021 sitúa nesta categoría 35 destas entidades territoriais, 7 máis que en 2020.

O plan de loita contra o lume da Xunta ( Pladiga) inclúe para a campaña de 2021 vaias novidades, como a creación dunha unidade de investigación de incendios forestais, o incremento de parroquias de alto risco e un aumento da videovixilancia.

Segundo informa a propia Administración, mantense un operativo con 7.000 efectivos entre medios da Consellaría do Medio Rural e outras institucións, cun investimento que atinxe os 180 millóns de euros entre prevención e extinción.

En declaracións á prensa, o conselleiro de Medio Rural, José González, explicou que a nova unidade de investigación estará desvinculada das tarefas de extinción, mentres vai depender directamente da Dirección  Xeral de Defensa  do Monte e terá competencia en todo o territorio. Ademais, afirma, contará cos medios suficientes para "detectar a aqueles que, de modo intencionado, causan os incendios forestais".

Así o expuxo antes de participar nunha reunión do  Consello Forestal para expoñer o Pladiga, paso previo a levar o plan ao Consello da Xunta.

Pola súa banda, fontes da Consellería do Medio Rural explican a Europa  Press que as parroquias de alto risco de incendio serán este ano 35, sete máis que as 28 de 2020. Isto representa un aumento de 25%.

Igualmente, haberá melloras tecnolóxicas do servizo, entre as que se atopa facilitar o acceso en tempo real aos equipos de extinción "dos datos que lles permita ser eficientes" nese traballo, segundo apunta o conselleiro. Ademais, incorpóranse 22  videocámaras, que están "a mostrar o seu bo funcionamento". Tamén haberá unha ducia de drons para axudar na prevención e na extinción.

O  Pladiga inclúe por terceiro ano consecutivo un plan de prevención, no que se detallan as rozas para realizar, así como o mantemento de pistas e puntos de auga. Preguntado sobre como avanzan as rozas nun contexto de pandemia, José González indica que "se está facendo a limpeza". Con todo, fai un chamamento a propietarios a limpar os seus predios antes do 31 de maio.

Unha vez chegue o 31 de maio, segundo figura na lei de prevención de incendios, a responsabilidade subsidiaria corresponde aos concellos.

Aquel propietario que o 31 de maio non realizase a roza, recibirá unha carta do seu concello na que se lle informa de que se non fai a limpeza, encargarase de forma subsidiaria á empresa pública Seaga para, posteriormente, cargarlles os custos.