O Parlamento europeo admite a denuncia sobre a precariedade laboral das enfermeiras na Galiza

Enfermeiras eventuais con Ana Miranda no Parlamento.

Presentada por Enfermeiras eventuais en loita e BNG.

A Comisión de Peticións vén de confirmar a admisión a trámite da denuncia presentada polo BNG e o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita sobre a precariedade laboral existente na profesión de enfermería, consecuencia das prácticas abusivas e a contratación en fraude de lei que leva realizando o Goberno galego durante anos.

Así o afirma o BNG, que explica que esta denuncia recolle abundante documentación da situación e lembra que foi entregada á vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, durante unha xornada de traballo organizada pola representante nacionalista en Europa, Ana Miranda o pasado mes de decembro.

“A investigación preliminar que levará a cabo a Comisión Europea sobre a precariedade na profesión de enfermería supón un tirón de orellas a Feijóo sobre o modelo de xestión do Sergas”,  di Miranda.

Afirma que é grazas á visita do colectivo Enfermeiras en Loita e o apoio da Vicepresidenta da Comisión de Peticións que a denuncia é admitida, “porque é demasiado escandaloso o grado de precariedade que existe no sistema sanitario galego e non podían negarse”.

Neste mesmo sentido exprésanse dende as Enfermeiras Eventuais en Loita, quen sinalan que “aínda que pendente dos resultados da investigación preliminar, que a Comisión de Peticións vaia facer unha investigación sobre a precariedade na nosa profesión non deixa de ser unha xerra de auga fría sobre a xestión de recursos humanos do Sergas”.