Os pacientes Covid ingresados na Galiza descenden a 79 e os novos contaxios aumentan a 82

Sanitarias realizan unha proba PCR (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Galiza experimentou un novo alivio da presión hospitalaria a piques de facerse un mes sen estado de alarma, ao descender a 79 os pacientes ingresados pola Covid-19, catro menos; mentres que os novos contaxios incrementáronse a 82, que supoñen 28 máis que a xornada anterior. Polo seu lado, os casos activos seguen en descenso e caen a 1.729.

Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda feira, recollidos por Europa Press, descenden a 14 os pacientes que permanecen en UCI debido á Covid no conxunto da Galiza -un menos- e caen a 65 os que se atopan noutras unidades de hospitalización, tres menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende nas de Santiago e Barbanza, A Coruña e Cee e Vigo; mentres que aumenta lixeiramente na de Ourense -que volve ter un paciente en UCI despois de quedar a sexta sen ingresados en críticos- e mantense nas de Pontevedra e O Salnés, Lugo e Ferrol.

En concreto, na de Santiago e Barbanza seguen tres persoas en UCI e descenden a 12 os doutras unidades -tres menos-; na da Coruña e Cee queda un en críticos -un menos- e permanecen 12 noutras unidades de hospitalización. Na de Vigo aínda que seguen cinco en UCI, descenden a seis os doutras unidades -un menos- e na de Pontevedra e O Salnés redúcense a un os críticos -un menos- mentres soben a 14 os doutras unidades -un máis-.

En canto á área sanitaria de Ourense, hai un paciente Covid en UCI, despois de que a sexta pasada quedase sen ingresados críticos por este coronavirus, e continúan sete noutras unidades de hospitalización. Na de Lugo mantéñense dúas persoas en UCI e seis noutras unidades; e na área de Ferrol segue un paciente en críticos e oito noutras unidades.

Casos activos en descenso

Os casos activos da Covid-19 manteñen a tendencia descendente por décimo sétima xornada consecutiva e redúcense a 1.729, cinco menos, ao haber máis altas (86) que contaxios (82), ao que se engade un falecido. Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Lugo (-16) e Santiago e Barbanza (-12), mentres que aumentan nas da Coruña e Cee (+11), Ferrol (+6), Vigo (+4) e Ourense (+2) e mantéñense sen cambios na de Pontevedra e O Salnés.

A área de Vigo destaca con 452 casos activos; seguida da área da Coruña e Cee, con 335; Santiago e Barbanza, con 283; Lugo, con 208; Pontevedra e O Salnés, con 193; Ourense, con 163; e Ferrol mantense á cola, con 95.

Aumentan os contaxios

En canto aos novos contaxios da Covid-19 por calquera tipo de proba aumentaron a 82, tras iniciar esta semana con 54, o que implica 28 máis que a xornada anterior.

No conxunto da Galiza foron confirmados 83 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa ( PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, deles 28 na área da Coruña e Cee; 21 na de Vigo; oito na de Ourense; outros oito na de Ferrol; e seis nas de Santiago e Barbanza, Pontevedra e O Salnés e Lugo.

Na última xornada fixéronse 3.257 probas máis que as contabilizadas até a xornada anterior e un centenar máis que as efectuadas o día pasado. En canto á taxa de positividade, esta descendeu por baixo do dous por cento a un 1,8% tras repuntar a un 2,16% no inicio desta semana. Con todo, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que a Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

En canto ás persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 ascenden a 2.427 tras notificar Sanidade esta segunda feira un novo óbito. En concreto, trátase dun home de 79 anos que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). O falecemento tivo lugar o pasado día 4 de xuño e o home presentaba patoloxías previas.