Así foi o 'viacrucis' escenificado por pacientes de Catoira para denunciar a situación da sanidade pública na súa localidade
Unha manifestación cun particular 'viacrucis' de pacientes denunciou en Catoira (comarca de Caldas) por décimo oitava vez consecutiva os recortes na sanidade pública executados polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Neste contexto, as e os manifestantes expresaron sentirse "crucificados" polo Sergas e exixiron "solucións xa".
Unha vez máis na cuarta feira, e xa van 18, a veciñanza concentrouse diante do centro médico da localidade da comarca de Caldas. Previamente, os e as asistentes á movilización "cargaron" con cruces nunha acción simbólica coa que quixeron visibilizar que a Consellaría de Sanidade "tennos crucificados".
&
Neste sentido, informaron da reincorporación dunha das médicas do centro de saúde despois de estar unha tempada de baixa, así como que o Sergas seguirá substituíndo outra das facultativas con contratos de xornada prolongada. Aínda así, denunciaron, "para concertar unha cita médica tárdase 14 días".
"Este fin de semana borraron as citas programadas para o centro médico do mes de outubro", salientaron, motivo polo cal informaron da necesidade de prestar atención á aplicación do Sergas nos dispositivos intelixentes de telefonía móbil "porque é moi probábel que estean canceladas".
"A administrativa que se encarga de citar está desbordada porque entre chamar a todos os pacientes aos que lle borraron as citas e atender aos pacientes que se achegan ao centro non lle dan as horas do día", concluíron desde a Plataforma Centro Médico de Catoira, que organiza estas mobilizacións.