Os PAC de Bueu, Cambados, O Grove e Vilagarcía sen médicos

Consulta de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Foto: CRTVG).

A situación sanitaria na comarca do Salnés entrou en colapso. Segundo veñen de denunciar organizacións en defensa da sanidade pública os Punto de Atención Continuada (PAC) dos concellos de Cambados, O Grove e Vilagarcía están sen atención médica desde a sexta feira.

Os veciños destas localidades que precisaron de atención sanitaria víronse obrigado a acudir a urxencias hospitalarias. Na mesma liña, a situación é crítica nos hospitais de Vilagarcía e Montecelo, onde as urxencias se atopan nunha situación límite.

A emerxencia sanitaria obrigou a atender a algúns doentes ás portas do hospital pontevedrés de Montecelo. A este respecto, fontes sanitarias, aseguraron a Nós Diario que na maña da sexta feira ficaron sen cama 23 doentes, un deles afectado de covid-19.

Sanxenxo

As queixas chegan tamén desde Sanxenxo. Neste sentido, a Plataforma en Defensa da Sanidade da localidade  denuncia que o PAC “leva funcionando unha semana co 50% do persoal de enfermaría, dado que faltan catro que non foron substituídas”.

O colectivo sinala que “o persoal que queda está a vivir un auténtico horror, xa que tentan suplir como poden o traballo extra do restante. Lembramos que as funcións a desempeñar por este colectivo profesional sanitario é moi diverso e de relevancia cara poder levar a cabo diagnósticos e para o noso coidado”.

A voceira en materia de sanidade do BNG, a deputada, Montse Prada, advertiu que o PAC de Sanxenxo está a ser atendido unicamente por un médico, repetíndose a mesma realidade no PAC da Parda en Pontevedra.

O Punto de Atención Continuada de Bueu é outro dos que carece de servizo médico esta fin de semana, permanecendo fechado desde a sexta feira. Neste sentido, as localidades sen atención sanitaria ou cos servizos reducidos caracterízanse pola forte presión turística e aumentar de xeito considerábel a súa poboación no período estival.