O outono será "máis seco e cálido" do habitual, após un verán "normal"

Inicio do outono (Imaxe: Santi Alvite).

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) prevé que o próximo trimestre sexa "máis cálido e máis seco" do normal na Galiza.

Segundo informou o delegado da Aemet na Galiza, Francisco Infante, esta sexta feira nunha rolda de prensa decorrida na Delegación do Goberno español na Coruña, prevese que o outono sexa “máis cálido e seco do normal”.

Infante sinalou que o tempo mellorará a partir da próxima semana, aínda que esta fin de semana será "inestábel", con tormentas na sexta feira e precipitacións na mañá do sábado e na noite do domingo.

Na primeira quincena de setembro, a temperatura estivo "por encima do normal", pero segundo apuntou, nos últimos días están a baixar. Infante destacou tamén as tormentas que se produciron durante este período que ocasionaron danos en varias zonas.

Respecto ao anterior trimestre, o delegado da Aemet cualificou o verán como "normal" en temperatura e precipitacións. Xullo foi o máis frío desde o ano 2012, pero foi compensado por un agosto cálido, no que se alcanzou a temperatura máis alta do verán, con 39,1 graos en Verín.

O responsábel da Aemet destacou o "carácter tormentoso" do mes de xuño. Entre o 10 e o 18 houbo tormentas de forma ininterrompida e estas producíronse nun total de 14 días, o que provocou que fora un mes "húmido".

Doutra banda, Infante explicou que xullo e agosto foron meses "secos". En xullo houbo un 40% menos de precipitacións e en agosto, un 50% menos a respecto do habitual.

O delegado tamén mencionou que se produciron "valores moi baixos" de horas de sol en Pontevedra, A Coruña e o norte de Lugo durante o mes de xullo.