Ourense oponse á privatización do centro de discapacidade do barrio de Barrocás
A plataforma Pro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) reuniu esta quinta feira ante o edificio da Xunta da Galiza en Ourense ducias de familias e unha nutrida representación política para reclamar a xestión pública directa do centro que a Consellaría de Política Social habilitará no barrio de Barrocás. O colectivo denuncia o cambio de parecer da Administración galega, que desde o inicio do proxecto asegurou que non se levaría desde a iniciativa privada até que a finais de decembro do ano pasado a conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que se adxudicaría o servizo a unha empresa privada ou unha fundación. O Goberno galego investiu 10 millóns de euros neste centro, que contará con 110 prazas de atención diúrna e residencial.
Historia dunha 'decepción'
Unha das portavoces da plataforma, Eva Gutiérrez, resume a Nós Diario a reivindicación asegurando que non aceptan "que o coidado, a atención dos nosos fillos, estea en mans privadas". "A Xunta ten que asumir a súa responsabilidade e non darlle case 14 millóns de euros a unha empresa", afirma.
Gutiérrez lembra que o proxecto comezou en febreiro de 2016, cando un grupo de familias, con fillas e fillos escolarizados até os 21 anos, tiñan a incerteza de saber que sería deles a partir desa idad, dado que "a provincia de Ourense era a única sen este tipo de instalacións públicas".
Sendo conselleiro de Política Social o actual alcalde de Ferrol, José Manuel Rei, asinou por escrito co colectivo un acordo "no que se comprometía a que o centro fose de xestión pública". Malia a “urxencia” da súa construción, as obras non comezaron até o verán de 2020 mais tiveron que adiarse por problemas na adxudicación, e desde a Xunta anunciaron que estaría en funcionamento neste inicio de 2025.
O asunto chegou en decembro do ano pasado ao pleno da Deputación de Ourense, onde, por unanimidade de todos os grupos –incluído o PP–, aprobouse unha moción conxunta para que a xestión do centro fose pública. Días despois, e tras o anuncio da conselleira, a decisión discutiuse no Parlamento galego. "Todos estes problemas viñeron desde que Fabiola García asumiu o cargo. Desde que chegou nunca nos quixo recibir, non lle interesamos nin ten empatía coas persoas con discapacidade", asegura esta nai.
Desde a plataforma indican a este xornal que as únicas xuntanzas que tiveron foi con cargos da Delegación da Xunta en Ourense que sempre acabando aclarando que "a decisión está en Santiago, na Xunta".
"Non" á xestión privada
Desde o colectivo, formado por máis de 70 familias, rexeitan a xestión privada. "Non queremos saber nada deste tipo de organización allea pola propia experiencia doutros centros deste tipo que son concertados", afirma Eva Gutiérrez, Pon como exemplo o caso dun estabelecemento de maiores dependentes no Carballiño (comarca homónima) no que tivo que intervir a Administración galega en decembro por "falta de persoal, maior carga de traballo e varios supostos casos de acoso laboral que xa foran denunciados no seu momento".
Pontón e Besteiro ven "inxusta" a decisión do Goberno galego
A mobilización desta quinta feira contou co apoio, entre outros colectivos e organizacións, do BNG e o PSdeG. “Por que o Goberno de Rueda pretende discriminar as familias de Ourense negándolles un servizo público que teñen outras provincias?", preguntouse a líder da formación nacionalista, Ana Pontón, que lembrou que no resto do país si se dispón deste servizo "e non está externalizado".
“Iso é dunha crueldade que no se pode permitir nin tolerar”, advertiu, anunciando a continuación que o BNG levará de novo este asunto ao Parlamento, como xa fixera no anterior período de sesións, co fin de que as familias ourensás teñan un centro de atención a persoas con discapacidade “público e de xestión pública”.
Pola súa parte, o responsábel socialista, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou o “maltrato” da Xunta ás persoas con discapacidade de Ourense, “obrigadas a desprazarse máis de 100 quilómetros para ser atendidas no centro público máis próximo, que hai nas outras tres provincias galegas pero non en Ourense”.
Considerou “absolutamente inxusto que estas familias sigan a ser tratadas como cidadás de segunda” ao negarlles un CAPD público, algo que “non é un luxo, é un dereito básico para garantir unha vida digna ás persoas con discapacidade e ás súas familias”.