Ourense bate o récord dunha xornada de moita calor na Galiza con case 36 graos

Persoas camiñando pola cidade de Ourense durante a vaga de calor do pasado verán. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Boa parte do país superou este sábado a barreira dos 30 graos.

Os efectos da vaga de calor que desde esta pasada afecta Galiza fixéronse notar este sábado especialmente en varios puntos do país onde os termómetros superaron con folgura a barreira dos 30 graos. Así, na Coruña as máximas chegaron aos 29 graos de máxima e as mínimas estiveron nos 18. As temperaturas mínimas en Ourense caeron até os 13 graos, mais a máxima ascendeu a 35,7º, o maior rexistro de todo o país.

En Pontevedra, a máxima chegou aos 33 graos, o que abarrotou as praias de moitas localidades costeiras. E en canto ás mínimas, baixaron até os 16 graos. Pola súa parte, en Vigo os termómetros tamén alcanzaron os 33 graos, mais as temperaturas mínimas si que foron máis altas, pois roldaron os 19 graos.

Tamén as altas temperaturas ficaron en Ferrol, cuns 33 graos, e a mínima mantívose nos 17 graos. Do mesmo modo que en Lugo, onde a máxima tamén se mantivo nos 33 graos, pero a mínima baixou até os 16. E na capital galega, Santiago, as máximas chegaron aos 32 graos e as mínimas estabelecéronse na contorna dos 16 graos.