Óscar Outeiriño, propietario de ‘La Región’, detido por unha suposta agresión ao alcalde de Ourense

Óscar Outeiriño, propietario de 'La Región', no momento da súa detención, este sábado, 9 de setembro, en Ourense. (Foto: Gonzalo Pérez Xácome)

Gonzalo Pérez Xácome denunciou o ataque nas súas redes sociais

Óscar Outeiriño, editor de La Región, foi detido na noite deste sábado, 9 de setembro, por supostamente agredir o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome.

Foi o propio rexedor o que denunciou os feitos a través das súas redes sociais. “Deteñen o propietario de La Región por agredir o alcalde de Ourense (un servidor). Óscar Outeiriño foi detido por atentado á autoridade. No exterior do Auditorio de Ourense, achegouse, deume unha puñada e díxome: ‘Ti sabes ben polo que é, fillo de puta!’”, rezaba a mensaxe de Xácome.

Posteriormente, o Concello de Ourense enviaba un comunicado no que se informaba de que a Policía Local da cidade detivo Outeiriño “como presunto autor dun delito de atentado contra a autoridade, na persoa do alcalde de Ourense”. Os axentes detiveron o home e trasladárono ás dependencias da Policía española, onde tería prestado declaración.

Xácome tamén se presentou na Comisaría de Ourense para interpor a correspondente denuncia.

Acoso

Desde o entorno de Outeiriño afirman que o propietario da cabeceira de Ourense estaba na fileira para acceder, xunto á súa muller, a un concerto de Robert Plant no Auditorio da cidade.

Segundo estas fontes, un concelleiro do grupo de Goberno, Rafael Martínez, que se atopaba acompañando o rexedor, comezou a “acosalos” gravándoos co teléfono móbil. Outeiriño pediulle que deixara de facelo e o edil continuou, intentaron entón apartar o teléfono, momento no que se produciu a presunta agresión.

Ademais de Martínez (que foi o que asumiu a multa por exceso de velocidade en Samil, Vigo, dun coche asignado á Alcaldía) e do mesmo Xácome, tamén estaban presentes outros representantes do Goberno local como Antonio Fernández e Francisco Lourenzo.