Medio cento de organizacións ambientais de todo o mundo exixen a paralización definitiva de Altri
As entidades, que fan parte da rede internacional Environmental Paper Network, consideran que o investimento non pode considerarse ambientalmente sostíbel.
Un total de 52 Organizacións Non Gobernamentais ambientais dos cinco continentes remitiron cartas ás consellarías de Medio Ambiente e Industria da Xunta da Galiza, así como aos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria, solicitando a paralización definitiva do proxecto de fábrica de celulosa e fibras de eucalipto de Altri e Greenalia (Greenfiber) en Palas de Rei (A Ulloa). As entidades forman parte da Environmental Paper Network (EPN), unha rede internacional moi influente en cuestións de sustentabilidade da polpa e o papel ao longo da cadea de subministración global e o ciclo de vida do papel. Nada en 2002 EPN ten como obxectivo "camiñar cara a unha industria forestal, de polpa e papel que contribúa a un futuro saudábel, xusto e sostíbel para toda a vida na Terra".
Nas misivas dirixidas aos departamentos gobernamentais da Xunta e do Estado, as organizacións asinantes desaconsellan a implantación do proxecto de Altri e solicitan que se desestime definitivamente. Entre outras cuestións, chaman a atención sobre os impactos que provocaría na contorna natural na que se vai a situar a fábrica, na biodiversidade de espazos de gran valor, nas especies vulnerábeis e en perigo de extinción, no patrimonio cultural, nos sectores primarios locais, nos recursos hídricos e na saúde das persoas nun amplo radio de acción.
O proxecto non reúne as condicións para seguir adiante nin para ser financiado con diñeiro público a través dos fondos europeos Next Generation
As entidades tamén chaman a atención sobre o proceso de 'eucaliptización' que sufriu a Galiza xunto ao centro e norte de Portugal, fenómeno que consideran "insólito en Europa". Ao seu xuízo, esta situación provocou unha enorme perda de biodiversidade e unha importante deterioración da integridade ecolóxica da rexión, afectando radicalmente as masas forestais autóctonas e a moitos outros hábitats de alto valor que necesitan conservación. De igual xeito, os asinantes tamén expresan as súas dúbidas sobre a efectividade das actuais moratorias a novas plantacións de eucalipto que existen na Galicia e Portugal, cuxo obxectivo debe ser limitar a súa expansión.
Reducir eucalipto
As ONG tamén apuntan a que "o proxecto non reúne as condicións para seguir adiante nin para ser financiado con diñeiro público a través dos fondos europeos Next Generation, xa que é contrario aos obxectivos de sustentabilidade dos mesmos". En concreto, denuncian, mentres que un dos obxectivos destes fondos é "mellorar a calidade da auga dos nosos ríos e mares e reducir os residuos", o proxecto empeorará aínda máis a calidade da auga do río Ulla. Tamén empeorará a sobresaturación da industria da polpa e o papel nesta rexión.
Pola contra, alentan, "deberiamos ir na dirección contraria: reducir a superficie de eucalipto tal e como esixe o Plan Forestal Galego actualmente en vigor, avanzar cara á redución global da produción e o consumo de papel, promover os envases reutilizábeis, maximizar o contido de fibra reciclada nos produtos papeleiros, incrementar o uso doutros materiais recuperados e acabar co uso de fibras procedentes de bosques e selvas ameazadas, ecosistemas e hábitats de alto valor en materia de conservación, tendendo a fabricar fibras de nova xeración e non a partir de madeira".
Organizacións asinantes
- AMAF-Bénin – Benín
- Amigas da Terra – España
- ARA – Alemaña
- Australian Forests and Climate Alliance (AFCA) – Australia
- Biodiversity Conservation Center – Rusia
- Biofuelwatch – Internacional
- Birdlife/SEO – España
- Blue Dalian – China
- Bob Brown Foundation – Australia
- Bruno Manser Fonds – Suíza
- Canopy Planet – Internacional
- Denkhaus Bremen – Alemaña
- Dogwood Alliance – Estados Unidos
- Earthday.org – Internacional
- Ecologistas en Acción – España
- Elfond – Estonian Fund for Nature – Estonia
- Environment East Gippsland – Australia
- Environmental Paper Network – Internacional
- Fern – Unión Europea, sede en Bruxelas
- Finance & Trade Watch – Austria
- Focus – Eslovenia
- Forum Ecologie e Papier – Alemaña
- Forum Umwelt und Entwicklung – Alemaña
- Fridays For Future Estonia – Estonia
- Friends of the Earth Western Australia – Australia
- Global Justice Ecology Project – Estados Unidos
- Green Longjiang – China
- Green-ish – Exipto
- Greenpeace España – España
- Humusz Szövetség – Hungría
- IRIS – Portugal
- Luontoliitto (The Finnish Nature Association) – Finlandia
- MODrzew – Polonia
- North Coast Environment Council – Australia
- Päästame Eesti Metsad (Save The Estonian Forest) – Estonia
- Pracownia – Polonia
- Pro REGENWALD – Alemaña
- Quercus – Portugal
- Rainforest Action Network – Internacional
- Rettet den Regenwald e.V. – Alemaña
- Robinwood – Alemaña
- Salva la Selva – España
- Scholar Tree Alliance – China
- Skyddaskogen – Suecia
- Snow Alliance – China
- South East Region Conservation Alliance (SERCA) – Australia
- South-West Forests Defence Foundation – Australia
- Verdens Skove – Dinamarca
- Victorian Forest Alliance – Australia
- WWF España – España
- ZERO – Portugal
- Zero Waste BC – Canadá