As organización agrarias denuncian casos de Lingua Azul nas granxas de ovino

Rabaño de cabras e ovellas en Palleirós. Manzaneda. (Foto:Rafael Quintía)

As organizacións agrarias denunciaron na xornada de onte diversos casos de Lingua Azul en diversas explotacións de ovino das comarcas de Allariz e Viana. A falta de que as probas de laboratorio realizadas ás reses confirmen a doenza, reclaman medidas á Consellaría de Medio Rural para facer fronte á situación.

O coordinador de Unións Agrarias (UU.AA) en Ourense, Carlos Basalo, sinala a Nós Diario que hai "varias explotacións de ovino afectadas pola Lingua Azul nas comarcas de Allariz e Viana, que son aqueles que contan con rabaños máis importantes da Galiza". Neste sentido, destaca que "xa hai casos de reses mortas e outras moitas afectadas polo que é necesario actuar xa".

"Os datos que nos achegan os veterinarios que trataron aos animais enfermos apuntan que están afectados polo serotipo 3 e o serotipo 8 da Lingua Azul", afirma Basalo, quen indica que "estes dous serotipos, sobre todo o 3, son os mais agresivos para as ovellas, sendo os que provocan os índices máis elevados de mortalidade". Neste punto, lembra que "o serotipo 3 foi o que ocasionou o gran numero de mortes nas ovellas en Estremadura o ano pasado".

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, explica a Nós Diario, "a gran preocupación existente polo aumento dos casos de Lingua Azul, que está a provocar unha elevada mortalidade no gando ovino". Neste punto, desvela que "basicamente detectáronse novos serotipos do virus". Na mesma dirección, maniféstase o coordinador da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal, quen advirte a este xornal do "impacto da Lingua Azul nas explotacións de ovino"

A Lingua Azul

A Lingua Azul é unha enfermidade vírica transmitida ao gando ovino por vectores, que provoca ás ovellas abortos ou malformacións nos fetos, infertilidade temporal, dispnea, coxeira, deformación ou desprendemento dos cascos e mesmo a morte. A doenza reduce a produción leiteira e cárnica das ovellas, provoca unha caída na taxa de fertilidade e, por conseguinte, xera graves prexuízos económicos nas explotacións.

Vacinación

 Basalo reclama á Consellaría de Medio Rural que "comece a vacinación gratuíta das ovellas contra serotipo 3 e o serotipo 8, porque actualmente só vacina contra o serotipo 4 que neste momento non está a ter impacto". Na mesma orientación, considera "imprescindíbel abrir de inmediato unha dobre liña de actuación para acoutar a expansión da enfermidade e tratar de salvar as granxas afectadas mediante liñas de axudas".

Vilalba demanda á Administración galega "recoñecer esta nova realidade sanitaria, explicar con transparencia de que información dispoñen sobre os casos detectados e cal é o plan de actuación previsto". Ao tempo, urxe "medidas eficaces e dignas para as nosas granxas, porque as persoas produtoras non podemos seguir asumindo soas os custos dunha enfermidade da que non somos responsábeis".

Da Cal considera que "a Consellaría de Medio Rural debe tomar medidas xa nas explotacións de ovino e proceder a vacinar á súa costa ás ovellas, diante da grave situación que enfrontamos".