Ordes, entre os 11 concellos en alerta vermella pola Covid-19

Mapa de incidencia nos últimos sete días (Imaxe: Xunta da Galiza).

A Consellería de Sanidade incluíu esta sexta feira o municipio de Ordes no nivel máximo de alerta, o 3 -vermello-, pola evolución da pandemia de coronavirus no últimos sete días, unha situación que está vixente noutros 10 concellos galegos.

Ordes súmase aos concellos en alerta vermella pola incidencia da Covid-19. A inclusión débese a que conta con máis de 21 casos confirmados por PCR.

Deixan de estar en alerta máxima tanto o municipio da Laracha (que pasa a nivel laranxa) como Monterrei. Mantéñense Ourense e Compostela, que rexistran máis de 120 e 112 casos confirmados por PCR, respectivamente, de coronavirus no últimos sete días.

As outras localidades con nivel máximo de alerta pola pandemia por presentar máis de 21 casos confirmados no últimos sete días son Arteixo, Ames, Narón, O Barco, Verín, Pereiro de Aguiar, Barbadás e O Carballiño.

Mentres, en situación 2 -en cor laranxa do 'semáforo' do mapa- sitúanse 17 municipios, 14 dos cales repiten con respecto á xornada anterior no mesmo nivel: Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ferrol, Oleiros, Culleredo, Teo, Porto do Son, Vilagarcía, Poio, Cangas, Tomiño e Lobeira. Ademais, súmanse ao nivel 2 de alerta Carballo e Boborás.

En nivel vermello inclúense os municipios de menos de 50.000 habitantes con 21 ou máis casos novos á semana, mentres que no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes estabelécese como corte a detección dunha taxa de 112 ou máis casos á semana por cada 100.000 habitantes.

No nivel de cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con 56 e 111 casos novos de Covid á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.

Alertas informativas

As alertas dos municipios non implican directamente restrición ningunha. Segundo o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trátase dunha escala informativa. É o comité clínico de seguimento da pandemia quen decide as limitacións. Reúnese na mañá da sexta feira.

Esta sexta feira, Sanidade deu conta de 346 novos contaxios, unha nova suba que ten maior incidencia nas áreas sanitarias de Ourense, Vigo e Compostela.