A oposición esixe a dimisión de Baltar cunha moción no Concello de Ourense

PSdeG, Ourense en Común e Democracia Ourensana aproban a petición no pleno cos votos en contra do PP. 


O Concello de Ourense aprobou este venres unha moción para esixir a dimisión de José Manuel Baltar, presidente da Deputación e líder do PP na provincia, pola denuncia por acoso sexual que onte foi arquivada pola Fiscalía. A oposición no seu conxunto -PSdeG, Ourense en Común e Democracia Ourensana- considerou o feito “intolerábel” e recordou a dimisión en bloque do Comité de Ética polas insuficientes explicacións ofrecidas por Baltar.

É a primeira vez que no consistorio se forza unha moción contra o titular da Deputación, do mesmo partido que o goberno municipal. A votación rexistrou 17 votos a favor dos grupos da oposición por 10 en contra do PP. O voceiro popular, José Araujo, reprobou a moción por considerar que está “fóra das competencias do Concello” e cualificouna de “cortina de fume”. 

Pola súa banda, a portavoz de Ourense en Común, Ledicia Piñeira, cuestionou que “o PP saia á rúa cunha pancarta contra a violencia de xénero”, cando defende ao seu presidente provincial. A súa homóloga de Democracia Ourensana, Ana Rebanales, asegurou que non entran a valorar a decisión xudicial pero pediron responsabilidades a Baltar, posto que nunca negou os feitos.

A moción prodúcese un día despois de que a Fiscalía arquivara a demanda contra Baltar por considerar que non se aprecian indicios dun delito contra a liberdade sexual dado que “non houbo uso da forza” nen “intimidación”.