Operación contra o narcotráfico en Camariñas: 1.300 quilos de cocaína incautados

Porto de Camariñas. (Foto: Nós Diario / Arquivo)
A droga apareceu no 'Nuevo Furuno', un pesqueiro de casco de madeira de 12,6 metros de eslora que ten a súa base en Camelle.

O pesqueiro interceptado en Camariñas (Terra de Soneira) a última hora da tarde desta cuarta feira contiña no seu interior uns 1.300 quilos de cocaína repartidos en 45 fardos. Está previsto que o único detido pase esta sexta feira a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión, en funcións de garda.

Segundo confirman fontes coñecedoras do caso e xudiciais citadas pola axencia Europa Press, e tal e como mostran imaxes difundidas por varios medios de comunicación, o descargo da droga efectuouse á primeira hora da tarde da quinta no porto, ante a presenza do detido e do xuíz.

O dispositivo para interceptar o buque, o Nuevo Furuno, contou coa participación do Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco), da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional, así como de Vixilancia Aduaneira.

O Nuevo Furuno é un pesqueiro de casco de madeira de 12,6 metros de eslora que ten a súa base en Camelle, Camariñas, e que foi dado de alta no rexistro do Ministerio de Pesca en xuño de 1997.

Os axentes interceptaron o barco na contorna do porto de Santa Mariña sobre as 20 horas da cuarta feira e procederon á detención dun home. Está previsto que pase este venres a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión, en funcións de garda.