De onde vén iso de que o un de abril os burros van onde non teñen que ir?

(quendadetarde.blogspot.com)
"O un de abril van os burros onde non deben de ir". O dito galego reflicte que este é día de trucos a enganos. Unha tradición que o Estado español non celebra (faino o 28 de decembro, Día dos Inocentes) mais si Reino Unido, Portugal, Brasil, Francia, Italia e mesmo Alemaña. Mais, de ónde vén?

No Estado español celebran o Día dos Inocentes, un 28 de decembro que dá para brincadeiras, enganos, chuflas, e mesmo galas na TV. No Estado español e América Latina é costume que nesa data haxa brincadeiras de todo tipo, mesmo nos medios de comunicación.

Porén, malia que poida semellar que o 28 de decembro se celebra en todo o mundo, é unha data restrinxida ao mundo da hispanidade. De feito, en países europeos como Alemaña, Reino Unido (April Fool´s Day), Portugal, Polonia, Italia, Austria, Finlandia ou Francia (Poisson d´avril), o 28 de decembro non significa máis que o día após o 27 e anterior ao 29. Neses países europeos, ao igual que en Galiza, en Estados Unidos, Australia ou Brasil, o día dos trucos, do engano, das brincadeiras, é o 1 de abril. “O un de abril van os burros onde non deben de ir”.

Xa Otero Pedrayo en Historia de Galiza aponta a esta data, 1 de abril, como a das bromas e trampas, facéndose eco dunha tradición que, malia ir esmorecendo nestas décadas, aínda pervive e mesmo rexorde nestes últimos anos.

O que non sabe é como o que non ve

Mais, de onde vén esta data? Pois a explicación é relativamente sinxela: O rei Carlos IX aprobou un novo calendario de festexos, que finiquitou o que fixaba que o Aninovo caía no 1 de abril. Daquela a información, loxicamente, circulaba máis a modiño, polo que non poucos e poucas seguirían a celebrar esa data o 1 de abril e non o 1 de xaneiro.

De feito, e alén de Galiza, no que é o Estado español o 1 de abril tamén se celebra en Menorca, a onde arribou no século XVIII de man da dominación británica.

Nos países de cultura anglosaxoa é coñecido como April Fools' Day (día de abril dos parvos). En Italia, Francia e Belxica é coñecido como peixe de abril (pesce d'aprile en italiano, poisson d'avril en francés e aprilvis en neerlandés),.