O ocio nocturno permanecerá fechado desde esta medianoite

Unha terraza (Arxina).
Discotecas, salas de festa e bares de copas non abrirán ao público co fin de frear o avance da Covid-19. O Goberno galego deixa en mans de Política social os acordos sobre probas PCR, réxime de visitas e saídas nos centros sociosanitarios.

Esta medianoite entran en vigor as medidas pactadas a pasada sexta feira polo Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas co fin de atallar a evolución da pandemia de coronavirus. Así o recolle a orde publicada este sábado no Diario Oficial da Galiza, onde se detallan as actuacións acordadas polas Administracións e se actualizan algunhas das medidas xa aplicadas polo Goberno galego, que afectan especialmente ao lecer nocturno e aos locais de restauración.

Tabaco

Como xa aprobaran Galiza e Canarias, queda prohibido fumar na vía pública ou ao aire libre sempre que non se poida garantir unha distancia de seguridade de dous metros. Esta medida de prevención afecta tamén ás terrazas e non só ao consumo de tabaco, senón tamén a “calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas” ou similares.

Hostalaría

O consumo nos locais de hostalaría poderá realizarse tanto na barra como na mesa, respectando sempre a distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Ademais, a ocupación máxima por mesa ou agrupación de mesas será de dez persoas, e a mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas. En todos os casos deberá asegurarse a distancia mínima de seguridade interpersoal entre as mesas.

Horarios

Os establecementos de hostalaría e de restauración non poderán admitir clientes a partir da medianoite e estarán obrigados a fechar "non máis tarde da unha da madrugada".

Ocio nocturno

Os locais de lecer nocturno -discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e de concertos- permanecerán fechados. Segundo o escrito trasladado polo Ministerio á Xunta, este tipo de establecementos constitúen actualmente a orixe dos focos epidémicos con maior número de casos asociados e tamén de "gran parte da transmisión comunitaria".

Reunións privadas

O Goberno galego recomenda limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas e a restrinxir esas esas reunións privadas fóra do grupo de convivencia estábel. En caso de xuntanza con persoas alleas a ese grupo habitual, aconsella o uso de máscara.

Centros sociosanitarios

A orde da Xunta estabelece que será a Consellaría de Política Social a que determine as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros sociosanitarios respecto das probas PCR, o réxime de visitas e saídas para responder á situación de risco derivada do incremento de casos positivos por coronavirus.

Segundo trasladou a pasada sexta feira o ministro Salvador Illa, o acordo coas comunidades autónomas recolle a realización de PCR a todos os novos ingresos 72 horas antes da súa entrada así como a todos os empregados que regresen de permiso ou de vacacións, ou comecen a traballar por primeira vez.

As visitas aos residentes, avanzou, estarán limitadas a unha soa persoa unha hora máximo ao día, a non ser que se atope en situación grave e se tema pola súa vida.