O Observatorio da Mariña pola Igualdade avoga por nomes de mulleres para os colexios

O CEIP Antonio Pedrosa Latas, en Celeiro (Viveiro). Foto: cedida.

O CEIP Antonio Pedrosa Latas, na localidade viveirense de Celeiro, aprobou en consello escolar e claustro a mudanza do seu nome, o dun afamado falanxista lucense, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O debate prendeu e o Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de difundir un comunicado público no que parabeniza o centro pola decisión.

“Desde a nosa organización entendemos que están exercendo con responsabilidade a súa obriga de ofrecer unha educación integral ao alumnado e por iso non podemos menos que felicitalos”, declara. A asociación feminista insta ademais ao colexio, e a todos os centros da bisbarra, a que adopten nomes de muller. “Só o 25% dos centros de Galiza levan nome de muller, e esta estatística contabiliza incluso nomes de virxes e santas”. O nome “é a parte máis visíbel e un elemento moi sensible ante a comunidade na que se integran”.

 

“A escolla dun nome feminino servirá de referente e modelo para as rapazas e rapaces que estudan no centro e tamén para toda a comunidade da contorna”, considera o Observatorio. Avoga pola visibilización das mulleres e das achegas destas á sociedade. “É algo prioritario e de xustiza na educación, non só analizando o valor coeducativo da iniciativa, senón tamén porque a educación foi e é un terreo intensamente feminizado”, resume a entidade, que tamén se dirixiu por escrito á alcaldesa de Viveiro e á concellaría de Muller para que exerzan máis medidas proactivas de cara a igualdade.

 

O Observatorio mariñán contabilizou que, de 39 centros educativos que existen na comarca, “tan só un leva nome de muller, o IES María Sarmiento de Viveiro”, amais dos 3 centros con nome feminino de referencia relixiosa. “En Viveiro existen exemplos de mulleres que serían dignas representantes e valedoras dos principios educativos do CEIP, e por iso alentamos a que desde o concello se impulse a escolla dun nome de muller”, conclúen.