O Sergas desminte ao PP da Mariña: o Hospital da Costa non terá servizo propio de oncoloxía

Atenderanse as necesidades, mais non será cunha unidade de quimioterapia de seu, como prometeran rexedor@s do PP, senón con especialistas que se desprazarán desde Lugo até Burela


O director de asistencia sanitaria do Sergas, Félix Rubial, quen foi director médico do Hospital da Costa, confirmou xa que este centro público non disporá de servizo propio de oncoloxía.

As súas declaracións, realizadas nunha xuntanza mantida en Compostela con médic@s burelenses, veñen desmentir o defendido en reiteradas ocasións pol@s rexedor@s do PP na comarca mariñá e polo propio PP da Mariña, quen saíu ao paso das mobilizacións da Xunta de persoal en contra do desmantelamento desde hospital. Sostiñan que as obras de ampliación orzamentadas, por valor de 50 mil euros, permitirían habilitar unha área para tratamentos con quimioterapia sen que @s enferm@s tivesen que se desprazar até Lugo.

Crear unha unidade de quimioterapia requiriría de máis espazo; da contratación de "polo menos" dúas oncólog@s; máis persoal de enfermaría, auxiliares, especialistas neste tratamento e persoal de laboratorio; e da ampliación física do servizo de farmacia para lle dar cabida ás cabinas de fluxo laminar. Así o sinalou a Xunta de persoal.

Malia non negaren estes requisitos, desde o PP da Mariña recoñecían que, efectivamente, cumpría máis espazo, mais que tal necesidade ficaría cuberta após acometer as obras de ampliación do hospital. Con todo, segundo valoracións da plataforma SOS Sanidade A Mariña, o orzamento aprobado "non abondaría nin para unha campá de fluxo laminar".