O Mundo sostido por tres mulleres: os Maios de Ourense puxéronse reivindicativos

[Imaxe: Marcha Mundial]

A Marcha Mundial das Mulleres presenta a concurso unha figura feita con xestas, fentos e piñas acompañada dunhas coplas en que se revolveron contra a lei do aborto que prepara Gallardón, contra os recortes no ensino público, contra o peche de comedores escolares e até contra os paseos de Feijóo no iate do narco Dorado


Ourense celebrou esta fin de semana a súa tradicional festa dos Maios, unha cita que fica fixada no calendario desde comezos de século no primeiro domingo de maio e onde as figuras construídas con elementos da natureza e unhas coplas cargadas de retranca dan a benvida á primavera.

Aquí vén o maio, maio feminista
cheo de mulleres, todas activistas.


Entre a diversión e a reivindicación, tamén a Marcha Mundial das Mulleres colocou nas rúas da cidade das Burgas a súa figura: o Mundo sostido polas mulleres.

Sen cambiar de disco, coa mesma obsesión
atacan o aborto, Rouco e Gallardón.

O dereito á interrupción voluntaria do embarazo e a ameaza de o eliminar na contrarreforma da lei do aborto que prepara o ministro español Alberto Ruiz Gallardón en conivencia coa Igrexa católica recibiu leña na copla feminista, acusando á dereita de condenar as mulleres a seren nais impoñendo a maternidade agás para aquelas cuxo poder adquisitivo lles permita viaxar a unha clínica do estranxeito para interromper a súa gravidez.

Imos apañadas, Wert na educación
quere excelencia, coa segregación.

Críticas para a LOMCE, a privatización da educación pública e o peche de comedores escolares avalado pola consellaría de Educación da Galiza. A norma española, coñecida xa como 'lei da Wertgoña', estabelece que os territorios con lingua propia terán que pagar centros privados onde se garanta o ensino en español para aquelas familias que o desexen; relega o galego até unha situación onde as horas que se lle dedican dependen practicamente da vontade de cada colexio; e reforza a relixión converténdoa en materia específica e incluíndo unha alternativa á relixión rescatada da reforma feita por Aznar en 2002 e que satisfai unha demanda histórica da Igrexa.

Na Galiza enteira, manda o dos Peares
Dorado ao sol, 'surcando los mares'.

Por suposto, as fotos de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado tiveron espazo nas coplas do Maio feminista. A Marcha Mundial levou aos seus versos a situación actual do Concello de Ourense após a demisión do alcalde, Francisco Rodríguez, imputado na operación Pokemon. Ao Goberno municipal botáronlle tamén en cara que non se convoquen actos de repulsa aos asasinatos de mulleres polo terrorismo machista.

Isto non se amaña, se non somos firmes
seguimos na loita, até sermos libres!