O Goberno do Estado estuda posíbeis rutas alternativas á A-6

Apuntan a "unha acumulación de fallos" como causa do sinistro na ponte da A-6. (Foto: Carlos Castro/Europa Press)
Miñóns anunciou que buscan solucións a "curto prazo" en paralelo aos arranxos no viario.

O delegado do Goberno, José Miñóns, informou de que o Executivo estatal traballa nun plan de mobilidade para estudar "posíbeis rutas de desvío" á A-6, despois dos derrubamentos do viaduto que manteñen fechada a autovía de conexión entre a Galiza e a Meseta.

Así o trasladou con motivo da reunión mantida na Coruña na tarde desta terza feira con representantes de empresas do sector do transporte da Galiza.

Destaca que se buscará "acurtar tempo" no paso a través de Pedrafita con solucións a "curto prazo" en paralelo aos arranxos na A-6. Mentres, se traballa en "esclarecer as causas" do sucedido no viaduto para avanzar en solucións, aínda que avoga por "priorizar a seguridade".

Sobre isto, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, e o presidente da Asociación Coruñesa de Transportes Discrecionais e Especiais (Acotrades), Ramón Devesa, reclamaron ao Goberno español que habilite xa os fondos necesarios para repor o viaduto e axilice os trámites para recuperar canto antes esta infraestrutura.

Fontenla demanda "solucións de emerxencia, porque o corte desta arteria loxística é unha situación de emerxencia para a Galiza". "Non existe alternativa por outro roteiro que poida utilizarse en condicións asumíbeis para as empresas, nin hai posibilidade razoábel de desvío por vía terrestre para determinados transportes especiais", avisou.

"O corte desta infraestrutura dana de maneira moi importante non só a competitividade, senón tamén a mesma viabilidade, das empresas en sectores de enorme relevancia para a nosa economía. E é máxima a preocupación do sector loxístico galego, xa moi castigado pola crise dos combustíbeis”, alerta o presidente da CEC.