O DEBATE | Mantéñense aínda vivas nas datas de Nadal e Reis tradicións galegas do pasado??
Luis Taboada. Activista e xestor cultural
O Nadal non é unha data, é un ciclo que recolle datas de tradicións, celebración, encontros, festas, fe e mitos que ao longo dos séculos foron desenvolvéndose e misturándose até callar no que temos hoxe en día. Tal e como teñen explicado estudosos como Rafael Quintía ou Felipe Senén, por citar dous nomes, estamos ante un tempo de forte simbolismo, cuxas raíces están antes do cristianismo. Coincide o solsticio de inverno co final de ano.
A Noiteboa, por exemplo, aparece asociada aos ritos da fertilidade. Por iso, esparexíase cinza polas terras de cultivo para garantir unha mellor produción. Unha das tradicións máis importantes desa data é o tizón de Nadal, que se está a recuperar xa nalgúns concellos das Galiza, rescatándoo do esquecemento. Segundo Vicente Risco, “é un cañoto grande dun árbore, que nas montañas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ao lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a metade, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arredar o pedrazo e os raios”.
Para moitas persoas, se pedimos que sinalen un elemento tradicional destas festas na Galiza non apuntarán ao Belén, nin tampouco ás luces natalicias que nestes últimos anos tanto proliferan. Até non hai tanto, ese elemento ‘tradicional’ dun Nadal galego propio serían as panxoliñas. Hoxe, quizás a figura máis icónica sexa o Apalpador, que, baixo diferentes denominacións -Apalpador, Apalpa-Barrigas ou Pandigueiro-, é coñecido xa en toda a Galiza.
A tradición di que se trata dun carboeiro que vive nos montes do Courel todo o ano e que baixa durante a noite do día 24 ou o día 31 de decembro segundo a zona, para apalpar as barrigas das crianzas e comprobar que comeran ben durante o ano. Se as atopa cheas, murmura "así esteas todo o ano". Se non as atopa cheas non di nada, pero deixa en ambos casos unha presada de castañas.
Esta tradición comezou a ser recuperada após a publicación dun artigo de José André Lôpez Gonçález referente a ela no Portal Galego da Língua e o traballo de recuperación, documentación e impulso levado a cabo por diversos colectivos, entidades, centros sociais, escolas e colexios e persoas de todo o país e especialmente pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel.
Foi, pois, o pulo do asociacionismo, o seu compromiso social por recuperar as tradicións da Galiza, tamén, nestas datas, as que lograron que o Apalpador sexan un elemento non só recoñecíbel, senón tamén asumido, polos galegos e galegas á hora de festexar estas datas.
Con certa bricandeira, durante anos díxose que o único elemento que se mantiña ao longo das décadas do Nadal na Galiza era o bacallau con coliflor, a tradición desta data que mellor ten chegado até hoxe. A súa orixe está en que a véspera de Nadal foi durante moito tempo vixilia no calendario eclesiástico e iso facía que as carnes quedaran fora da mesa dese especial día. A vixilia desapareceu mais o costume ficou.
Agora, ao bacallau acompáñao o Apalpador e tamén, pasiño a pasiño, o tizón de Nadal. E mantéñense as panxoliñas e cantos de reis. A recuperación nestes anos de todo este patrimonio cultural e inmaterial é, sen dúbida, unha boa nova para todas e todos.
Ana Garrido. Doutora en Historia Contemporánea
A rápida reconversión nestes anos do Nadal nun espectáculo de consumo fixo saltar polo aire o modelo de festa familiar e tradicional para impor no seu lugar unha na que cada vez gaña máis importancia o consumo e a festa. Un cambio co que moitos poden non comungar mais do que é máis que difícil (imposíbel?) escapar. O Nadal de outrora réndese ante a actual.
Festexos, agasallos, luces acesas e xolda: As celebracións de finais de decembro xa eran descritas por Catulo como “os mellores días”. Mais o poeta latino non facía referencia ao Nadal, senón ao tradicional festival romano das Saturnais.
Con todo, a Igrexa católica apropiouse rapidamente desta tradición invernal e sinalouna como o período no que se conmemoraría o nacemento de Cristo. Nunca falta quen sinala que é unha festa hipócrita, hai que ser bos todo o ano e non máis que unha semana.
Pero, ollo, o consumismo non é novo nestas datas. Un dos primeiros catálogo de agasallos do Nadal, que contiña xa máis de 1.000 artigos, data de 1803 e foi unha idea alemá.
Unha canción popular austríaca, escrita en 1886, fala xa dos emocionantes agasallos que obtiñan os nenos en Nadal —incluídos un cabaliño de madeira, unha casa de bonecas e outros xoguetes de madeira e folla de lata-— sen facer a máis mínima mención do significado relixioso do Nadal. Só refire que os nenos deben estar agradecidos cos seus “amábeis pais” que se prepararon por “moito, moito tempo” para asegurarse de que sexa un día pletórico de felicidade.
De feito, o Nadal é un dos períodos do ano no que as tendas e as fábricas máis facturan. E cada ano unha infinidade de cousas son inventadas exclusivamente para estimular a facturación. Moita xente quere artigos electrónicos. Houbo un desprazamento das necesidades básicas e os pequenos luxos aos luxos de alta gama, diría eu.
Os agasallos están a volverse cada vez máis caros. O resultado é que Nadal é o período do ano no que unha parte da sociedade endebédase. O Nadal é a que determina a maior parte das ganancias anuais de moitos negocios.
E isto é así en boa parte do planeta que celebra estas festas. A recuperación de tradicións propias destas datas na Galiza — en paralelo a procesos que existen desde hai tempo noutros países, como pode ser Euskadi, mais sen imitalos— debe de parabenizarse mais non debe de facernos perder de vista que, a trazos xerais, non supón unha alteración do que o Nadal se converteu en canto a consumismo como valor principal destas datas. Unha rúa ateigada de xente motivada a consumir, consumir e consumir, e a gastar, gastar e gastar non é menos consumista se polos altofalantes soan panxoliñas na vez de ‘villancicos’.
Apalpador ou apalpadora, panxoliñas, bacallau con coliflor. Algunhas (como o bacallau) sempre se mantiveron no Nadal galego. As outras vanse recuperando, moitas veces grazas ao esforzo e compromiso de colectivos e asociacións que supliron con ilusión e vontade a falla de iniciativas institucionais. Institucións que -só algunhas e pouco a pouco- tamén empezar a apostar por estes elementos do Nadal galego.
Mais, repito, eses avances non poden, non deben tapar a realidade: o Nadal hoxe en día é en boa medida un grande mercado, unha marca e un produto. Unha data para o consumo.