ECOLOXISMO

O Barbanza mobilízase contra o masacre de lobos

Adega e Vox Anima convocan unha manifestación en Ribeira para reclamarlle á Xunta que poña fin ''á persecución e ao exterminio legal e ilegal'' que soporta este animal nos montes do país

Co obxectivo de reclamarlle á Xunta "que poña fin aos masacres de lobos, lubicáns e cans" nos montes do Barbanza, o colectivo ecoloxista Vox Anima convocou unha mobilización para o vindeiro día 28 de abril en Ribeira, na que se lle reclamará ao Goberno galego que traballe "para garantir a supervivencia do lobo galego, en troques de seguir cedendo a xestión desta xoia da nosa fauna aos escopeteiros".

Nesta mesma liña pronunciouse tamén a asociación Adega, que manifestou o seu apoio á manifestación fixada no concello coruñés e lembrou a demanda que interpuxo o colectivo ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) tras a aparición de 25 lazos e varios lobos mortos nos montes do Barbanza. 

Así, a entidade ecoloxista quéixase da "persecución" e o "exterminio legal e ilegal" que soporta este animal nos montes do país a causa "de prácticas salvaxes --en referenza á colocación de lazos e de cebos envelenados--, dunha administración cómplice e das informacións negativas que aparecen sobre o cánido desde hai meses nos medios subvencionados". Por todo isto, Adega chama á cidadanía a secundar a protesta, anunciada baixo o lema 'Nin masacres de elefantes nin de lobos. Stop ao exterminio legal'.