Unha numerosa cadea humana rexeita en Portodemouros a mina de Touro e a celulosa de Altri

Cadea humana contra a celulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino no encoro de Portodemouros. (foto: Nós Diario)

Unha cadea humana formada por centos de persoas chegadas de diversos concellos das comarcas de Arzúa, O Deza, Terras de Melide e A Ulloa reuiniuse na mañá deste domingo no encoro de Portodemouros (situado entre Arzúa (comarca homónima), Vila de Cruces e Agolada, no Deza; e Santiso, Terra de Melide) para rexeitar o proxecto de celulosa de Altri en Palas de Rei (comarca de Ulloa) e a mina de Touro-O Pino (comarca de Arzúa).

A mobilización, convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma Mina de Touro-O Pino Non, arrancou con dúas marchas que partiron ás 11:30 horas da Fervenza das Hortas (Dombodán, Arzúa) e da Capela de San Ramón, no municipio de Vila de Cruces, na comarca do Deza. As dúas columnas atopáronse unha hora despois no encoro de Portodemouros.

As voceiras da Plataforma Ulloa Viva, Patricia Coucheiro, e da Plataforma Mina de Touro-O Pino Non, Che Cancelas, advertiron nun manifesto lido ao remate da protesta que “temos máis motivos que nunca para saír ás rúas e loitar contra estes dous espolios que Altri e Cobre San Rafael, co apoio da Xunta da Galiza, queren instalar no noso país”.

Un momento da marcha contra a celulosa de Altri e a mina de Touro.(Foto:Nós Diario)

As entidades organizadoras da protesta denunciaron que para a Xunta da Galiza a celulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino "xa son proxectos estratéxicos” e chamaron a “redobrar os esforzos da veciñanza para que dunha vez por todas Altri e Cobre San Rafael desistan dos seus proxectos de espolio e contaminación”.

Os colectivos sinalaron que a celulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino "son unha moi perigosa ameaza que afecta ao corazón da Galiza" e subliñaron que "afectarían á biodiversidade, contaminaría máis as augas do río Ulla até a ría de Arousa, o aire e as terras próximas, e impulsarían na Galiza a eucaliptización e a depredación dos nosos recursos, xerando perigosos residuos".

Cadea humana no encoro de Portodemouros. (Foto: Nós Diario)

A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Patricia Coucheiro, enmarcou dentro dunha “estratexia de marketing” o anuncio de Altri sobre a concesión do Selo Step da Comisión Europea á macrocelulosa que proxectan en Palas de Rei. Neste punto, asegurou que "non van  recibir fondos, nin o Estado español no Perte da descarbonización nin a Unión Europea  consideran que unha macrocelulosa no corazón da Galiza mereza ser ademais subvencionada”.

Coucheiro significou que os últimos movementos de Altri en Bruxelas "teñen que facernos máis fortes, as veciñas e os veciños non podemos pensar que xa gañamos, que Altri e a Xunta desistiron do proxecto, segue vivo, seguen buscando financiamento e volverán topar coa oposición social que levan colleitado nos últimos dous anos".

Altri e a Xunta "seguen adiante co seu plan"

"Altri e a Xunta queren que pensemos que non pasa nada, que durmamos tranquilos pero o certo é que eles seguen adiante co seu plan", afirmou Coucheiro, que chamou a participar  na manifestación nacional convocada para o vindeiro 14 de decembro en Compostela contra o proxecto de Altri.

Ulloa Viva chamou a "toda a masa social galega que leva máis de dous anos manifestándose con nós contra Altri a seguir adiante na loita contra un proxecto depredador que quere facernos vivir peor" e reclamou protestas "de novo maioritarias e contundentes" para parar a celulosa.