Novos estragos nun xacemento arqueolóxico pola industria do eucalipto

Imaxe: Mariña Patrimonio

A corta e replantación de eucalipto afectou A Mourisca, en Cervo. Adega e Mariña Patrimonio denunciaron os feitos perante o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo.

A Mourisca é un xacemento arqueolóxico situado nunha chaira do monte Motín, no concello de Cervo. Está formado por dúas estruturas circulares duns 30 m de diámetro e máis dúas mámoas. “Como non se teñen feito prospeccións nin estudos na zona, non se pode desbotar a existencia doutros elementos arqueolóxicos”, afirman desde Adega e Mariña Patrimonio, dous colectivos que denuncian os “graves danos” que sofreu este xacemento. “Os danos foron ocasionados no transcurso dos labores de corta e replantación de eucalipto que afectaron a toda a superficie do recinto circular e máis do parapeto que o define. As remocións de terra, xunto coa utilización de pas mecánicas no recinto, danaron gravemente a estrutura arqueolóxica de A Mourisca”, sosteñen.

Denunciaron estes feitos perante o Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo. Adega e Mariña patrimonio lembran que antes de solicitar á Dirección Xeral de Patrimonio a inclusión no Inventario de calquera posible xacemento, póñense en contacto con arqueólogos para que visiten o lugar e valoren a autenticidade do xacemento. No caso de A Mourisca foron sete os arqueólogos que visitaron o xacemento “e todos eles coincidiron en que é un sitio arqueolóxico único en Galiza e todos coincidiron, ademais, na necesidade de inventariar e protexer este singular ben patrimonial”.

En base a isto, o 27 de xaneiro de 2014 solicitamos no Servizo de Patrimonio de Lugo a inclusión no Inventario destas dúas estruturas circulares. Se ben se incluíu no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos estas estruturas como Referencias coas claves GA27013REF.03 e GA27013REF.04, isto supón que non sexa recoñecido oficialmente como xacemento e, por tanto, o lugar queda sen a debida protección.

En maio, informan Aderga e MP, desde ese departamento anunciaban intención de que A Mourisca pasase de 'referencia' a 'xacemento'. “Lamentablemente a corrección chega tarde para evitar os danos que se produciron no xacemento, por iso pedímoslle á Dirección Xeral de Patrimonio que adopte  medidas para que o Servizo de Patrimonio de Lugo non repita erros con consecuencias tan graves”, solicitan as entidades.