Novos descontos para quen posúa o Carné Xove
O Carné Xove Europeo, xestionado a través da European Youth Card Association, é un instrumento para, entre outros, promover a mobilidade entre as persoas mozas europeas. Con máis de oito millóns de persoas usuarias menores de 30 anos, ademais de ser un instrumento de descontos é un "claro vehículo transmisor de valores e de cultura".
As mozas e os mozos de até 30 anos que sexan titulares do Carné Xove poderán acceder a descontos na aprendizaxe de idiomas como inglés, francés, alemán e árabe, segundo informou esta cuarta feira o Instituto da Mocidade de España (Inxuve).
A iniciativa foi presentada na xornada que levaba por título 'Un idioma, moitas portas', inaugurada polo secretario de Estado de Mocidade e Infancia, Rubén Pérez. Nela participaron o Instituto Cervantes, a Alianza Francesa, o British Council, Casa Árabe, o Goethe Institut, o Instituto Francés e a Alianza Francesa. Esta última explicou que os beneficiarios desta axuda obterán descontos do 10% en clases en liña e presenciais na sede de Madrid, así como o acceso á súa mediateca e ás súas sedes en Francia. Tamén o Instituto Francés ofrecerá a redución do 10% en clases en liña e presenciais na sede madrileña, do 40% en IF Pass e a gratuidade da matrícula en estancias lingüística.
Pola súa banda, British Council avanzou que rebaixará o 11% na oferta das súas sedes físicas de de Madrid, Barcelona, Bilbao, Palma de Mallorca e València, e do 15% nos seus cursos en liña. Así mesmo, o Goethe Institut aplicará unha redución do 10% no prezo das clases, tanto en liña como presenciais, na sede madrileña.
Tamén a Casa Árabe ofrecerá descontos do 18% en todas as modalidades de cursos. Entre tanto, o Instituto Cervantes aumentará os descontos co 20% para cursos en liña e para o carné da súa biblioteca electrónica.
Alén de todo isto e nunha mesma órbita, o Instituto da Mocidade atópase actualmente mergullado nun proceso de negociación para un paquete de descontos que inclúa tamén algúns dos idiomas que até a data non foran adheridos neste bloque inicial de descontos, entre os que destacan o chinés, o italiano, o portugués e o romanés.
A clausura da xornada correu a cargo da directora do Inxuve, Margarita Guerrero, quen estivo acompañada da presidenta do Consello da Mocidade de España, Andrea González. É Margarita Guerrero quen, de forma taxante, xustifica con claridade a necesidade deste paquete de descontos ante a realidade de que "no mundo globalizado no que vivimos, estudar idiomas permítenos complementar o desenvolvemento persoal, formativo e profesional das e os mozos. Falar outras linguas abre portas, debuxa novos horizontes e amplía os nosos marcos mentais. Por iso, desde o Inxuve apostamos por facilitar a súa aprendizaxe nesta etapa crucial da vida, a mocidade, na que a precariedade moitas veces dificulta o acceso aos cursos de idiomas".