Os casos activos descenden até os 1.160, o menor dato do que vai de ano

Varias consumidoras nas terrazas da Marina, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Seguen 58 pacientes ingresados por este coronavirus e a taxa de positividade redúcese a un 0,95%.

Os casos activos de Covid-19 na Galiza seguen en descenso e redúcense a 1.160, o menor dato do que vai de ano, mentres que os novos contaxios caen a 29 -catro menos que a xornada pasada-. Os pacientes ingresados mantéñense en 58, deles 16 en UCI, e a taxa de positividade baixa a un 0,95%.

Segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade esta terza feira, con rexistros até as 18 horas da segunda feira, descenden a 16 as persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos -unha menos- e aumentan a 42 as hospitalizadas noutras unidades de hospitalización -unha máis-, mentres que 1.102 pacientes permanecen en seguimento domiciliario.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria mantense en cinco das sete; mentres que aumenta lixeiramente na de Pontevedra e O Salnés, que segue con dous pacientes Covid en UCI e conta con seis noutras unidades -un máis-, e descende na de Vigo, onde seguen dúas en críticos e queda un noutra unidade de hospitalización --un menos--.

Os casos activos de Covid-19 caeron até os 1.160, que supoñen 47 menos, ao haber máis altas (71) que novos contaxios (29), ao que se engaden cinco falecementos. Desde o ano pasado Galiza non contabiliza unha cifra tan baixa de casos activos, xa que no inicio do verán, o 20 de xuño, rexistrou 1.289 o día 20, xusto antes da época estival.

Os novos contaxios de Covid-19  descenden lixeiramente até os 29, que implican catro menos que os 33 cos que arrincou esta última semana do mes de setembro.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- descende a un 0,95%o despois de arrincar a semana cun 1%. Por iso, segue por baixo do 5% que a OMS determina como limiar para considerar controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 2.634, despois de notificar esta segunda feira Sanidade a morte de cinco pacientes.