O 'Nuevo San Juan' continúa ardendo á deriva un día despois de declararse o incendio

Incendio do 'Novo San Xoán' en augas do Gran Sol. (Foto: Porto de Burela)

O pesqueiro de Burela (comarca da Mariña) Nuev San Juan atópase ardendo á deriva un día despois de declararse o incendio, mentres faenaba nas augas do Gran Sol, que obrigou a evacuar os 15 tripulantes, que foron rescatados polo barco Nuevo Confurco (con base en Vigo).

Segundo explica o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, Sergio López, na última información que lle trasladaron autoridades ás 15.30 horas desta segunda feira, o barco seguía á deriva e controlado por servizos de Francia.

Igualmente, pediuse axilizar a volta da tripulación, que estaba pendente de prazas para o seu regreso ao longo de próximas horas.

Os 15 tripulantes do pesqueiro do Nuevo San Juan, rescatados o pasado domingo polo Nuevo Confurco, chegaron ao porto irlandés de Castletownbere sobre as 8.30 horas desta segunda feira. Os tripulantes atópanse "todos ben" e "tranquilos".

Á súa chegada a porto púñanse ao dispor das autoridades para narrar o sucedido e o patrón realizaba a coñecida como ‘protesta de mar’, a manifestación formal do ocorrido en caso de sinistro.

Incendio

Salvamento Marítimo recibiu un aviso do Nuevo San Juan pouco despois das 7 horas do pasado domingo no seu centro de Fisterra por un incendio a bordo mentres faneaba en augas do Gran Sol, en zona SAR británica. Con esta información, Salvamento informou o seu homólogo no Reino Unido, que desviou varios buques á zona.

Sobre as 7.45 horas efectuouse o rescate polo Nuevo Confurco, que evacuou a todas as persoas, en bo estado, a bordo de dúas balsas salvavidas.