Novo regulamento de estranxeiría: así muda a norma que estra en vigor este 20 de maio

Tres migrantes no exterior do Hotel Río Ulla, en Monterroso (A Ulloa) o pasado mes de setembro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os cambios introducidos polo Goberno español simplifican os procedementos e buscan favorecer a inclusión das persoas estranxeiras, segundo sinalan desde o Executivo.

O novo Regulamento de Estranxeiría, aprobado polo Consello de Ministros en novembro do ano pasado, entra en vigor esta terza feira, 20 de maio. A través de diferentes mudanzas, o Goberno pretende coa reforma da norma simplificar procedementos e eliminar duplicidades.

Visados

O novo texto crea un título específico para os visados, que clarifica o esquema de autorizacións, os requisitos e os trámites en xeral. Todas as autorizacións iniciais van ser dun ano e as renovacións, de catro.

Tamén se estende a un ano o visado para a procura de emprego, que antes era unha autorización de tres meses. Este visado permite a busca de emprego en determinadas ocupacións e ámbitos territoriais, de forma que os 12 meses "van facilitar que as persoas consigan un traballo adecuado ao seu perfil profesional e, ao mesmo tempo, que as empresas atopen os profesionais que necesitan", segundo explicou a ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, Elma Saiz.

Arraigamento

Por outra parte, a reforma contempla cinco modalidades de arraigamento: o social, sociolaboral, familiar, socioformativo e de segunda oportunidade. Estas figuras homoxeneizan e reducen o tempo de permanencia no Estado español de tres a dous anos. Así mesmo, flexibilízanse os requisitos a cumprir e habilítase a traballar tanto por conta allea como propia desde o primeiro momento.

Ademais, segundo o novo regulamento, a partir deste 20 de maio o tempo transcorrido como solicitante de protección internacional xa non computará como período válido de estancia no Estado español para optar ao arraigamento. Así, unha vez obtida unha resolución denegatoria e tras permanecer polo menos dous anos en situación irregular, será posíbel solicitar algunha das figuras de arraigamento.

Permiso por estudos

Outra das novidades é que os estudantes van poder contar cunha autorización de estancia por estudos que dure o mesmo tempo que a súa formación, e váiselles a facilitar unha vía rápida para poder enlazar cunha autorización de traballo unha vez acabada a súa formación. Neste sentido, durante os seus estudos estarán autorizados a traballar un máximo de 30 horas semanais, independentemente da formación que estean a cursar.

Residencia para familiares

Co obxectivo común da inclusión, o novo regulamento recolle a creación dunha autorización de residencia para familiares de cidadáns españois, nese caso amplíase a idade dos fillos até os 26 anos (antes 21). Ademais, contémplanse realidades que até o de agora se mantiñan fóra, como a posibilidade de incluír as parellas non rexistradas formalmente que poida acreditar unha relación afectiva análoga.