A nova sala de partos de Ourense conta cunha soa ducha e carece de sala de partos naturais

Concentración ás portas do CHUO en defensa dun paridoiro que garanta a seguridade clínica das mulleres, onte. (Foto: Nós Diario)

Ante as portas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) desenvolveuse esta segunda feira unha protesta contra o traslado do paridoiro ao espazo de Cirurxía Maior Ambulatoria (CIMA) que a Consellaría de Sanidade pretende comezar a realizar esta terza feira. O traslado remataríase ao longo desta semana.

Unha mobilización reclamou esta segunda feira ás portas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) a paralización do trasladado do paridoiro do servizo Materno Infantil a unhas instalacións provisionais até o momento destinadas a Cirurxía Maior Ambulatoria (CIMA). A protesta, convocada por colectivos como a Marcha Mundial das Mulleres, SOS Sanidade Pública, a Asociación Galega de Matronas, Petra Maternidades Feministas, Arrolos de teta ou O parto é noso, demandou "garantías de condicións estruturais, hixiénicas e humanas dignas para o parto e a atención neonatal", así como "unha sala de parto natural" e "a protección da saúde emocional das mulleres e dos seus dereitos asistenciais".

Os colectivos promotores da concentración consideran que o espazo do CHUO a onde o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comeza esta terza feira a trasladar os paridoiros non cumpre coas condicións para a prestación dun servizo digno. A este respecto, Ayelén Fonseca, muller de 24 anos embarazada de case 36 semanas que fai parte do colectivo Arrolos de Teta, sinala a Nós Diario que o lugar "non é o axeitado, vannos deixar sen sala de parto natural" e destaca que as novas instalacións do paridoiro son catro dilatacións, e nin son dilatacións, son catro boxes con carrís para pór cortinas". Nesta orientación, insiste en que "son espazos moi reducidos".

Espazos

"Os lavadoiros de mans son moi pequenos e hai un aseo sen ducha que teñen que compartir catro persoas", explica Fonseca, lembrando que durante o parto o normal é empregar o baño en todo momento. Neste punto, indica que "non imos ter o baño dispoñíbel, entón non son condicións para poder ter as nosas crianzas" e denuncia que "non hai privacidade porque compartimos todo o módulo con cirurxía ambulatoria". Asemade, lembra que "as matronas fixeron unha queixa directa e a única resposta foi un papel da xerencia dicindo que ían facer unhas dilatacións grandes, o cal non é verdade porque foron velas e corroboraron que non era así".

Parto natural

A activista da Marcha Mundial das Mulleres en Ourense, Antía Pousa, apunta a Nós Diario, que "estamos falando de que agora mesmo hai un espazo de 500 metros que se vai reducir a cento e poucos, que non hai auga quente nestas instalacións onde queren mandar o paridoiro, perdemos algo fundamental que é a sala de parto natural cando a maior parte de nais agora mesmo están interesadas no parto natural, pérdese o baño que hai individualizado en cada unha das salas de dilatación e, sobre todo, a bañeira, que sabemos que contribúe ao benestar das mulleres que están a punto de dar a luz". Nesta perspectiva, indica que "son inconcibíbeis as condicións nas que van trasladar o paridoiro".  

"Somos nais, as nais tamén estamos inmersas no activismo feminista e temos clarísimo que os coidados teñen que estar no centro e, por suposto, neste momento tan fundamental para a vida dunha muller como é o embarazo", continúa Pousa, quen explica que "as nais, cando estamos embarazadas, temos que estar só unicamente pendente de nós e das nosas crianzas, de non estar estresadas, de non estar pendente de estar loitando contra unha xerencia, contra unha equipa directiva  do PP que o que quere seguir facendo é desmantelando os servizos públicos e recortando dereitos das persoas pacientes e fundamentalmente das mulleres".

A voceira do colectivo O parto é noso, Mar Aragonés, indica a Nós Diario que  o espazo escollido pola Consellaría de Sanidade para trasladar a sala de paridoiros non garante os dereitos básicos das mulleres e das súa crianzas, comezando polo dereito á intimidade". Asemade, lembra que "hai un problema de seguridade clínica que xa foi denunciado polo persoal do servizo de partos do CHUO" e alerta de que, "malia  o xerente falarnos dun traslado provisional do paridoiro polo prazo dun ano, isto non está claro e semella que pode ter un carácter indefinido". Neste punto, afirma que "estamos diante dun caso de violencia obstrética".

O Partido dos Socialistas de GaliciaBloque Nacionalista Galego e Esquerda Unida volveron reclamar esta segunda feira unha solución ao problema do paridoiro de Ourense. A este respecto, a deputada do PSdeG Marga Martín pide explicacións ao PP pola situación do paridoiro e asegura que "esta é a forma de xestionar do PP, non ocorren máis desgrazas porque teñen sorte". Pola súa banda, Erea Blanco, concelleira do BNG na cidade, asegura que "as mulleres que visitaron as instalacións do CIMA comprobaron que non son satisfactorias" e denuncia que "o hospital non é deste século e problema non se revolve con parches". Ao tempo, a voceira de Esquerda Unida, Alba Torreiro, denuncia  que a proposta da Xunta da Galiza  "non cumpre os requisitos mínimos para un parto digno".

As mulleres no albo dos recortes sanitarios

O xerente da área sanitaria de Ourense, José Santiago Camba Bouzas, volveu defender esta segunda feira o emprazamento escollido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para o novo paridoiro do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO). Neste sentido, nunha reunión mantida con representantes dos colectivos promotores da protesta, incidiu nas vantaxes do lugar elixido, se ben non deu data definitiva para a súa entrada en funcionamento.

As entidades promotoras da mobilización desta segunda feira consideran que o novo paridoiro de Ourense agocha un problema máis de fondo sobre a calidade asistencial prestada polo sistema sanitario ás mulleres. Neste sentido, Mar Aragonés apunta que "as mulleres sempre somos as esquecidas" e pon como exemplo disto "a situación do servizo Materno Infantil, que leva anos sen ningún mantemento". As mulleres "nunca somos suxeito de atención por parte do Sergas e do Partido Popular, sabemos que este é un Goberno que vai contra a vida en xeral e contra a vida das mulleres en particular", asevera Antía Pousa, que destaca que "somos conscientes de como están as actuais instalacións e de que teñen que ser reformadas, mais teñen que ser ben reformadas e melloradas".