Debate territorial

Un novo estudo demoscópico constata que 4 de cada 10 bercianas optan por integrar O Bierzo na Galiza

Vilafranca do Bierzo

A enquisa de Nuaris CC sitúa o apoio a esa opción en 38% das persoas enquisadas, por 22% partidarias dunha nova autonomía que agrupe León, Zamora e Salamanca á marxe de Castela.

O debate aberto a raíz da demanda dunha parte da sociedade leonesa para se constituír en autonomía propia á marxe de Castela, está a ter na Galiza unha figura convidada grazas á veciñanza do Bierzo, denominada popularmente durante décadas como ‘a quinta provincia galega’.

A enquisa da empresa Huaris CC a 604 persoas maiores de 18 anos, con dereito a voto e residentes nas localidades bercianas de Ponferrada, Bembibre, Vilafranca, Fabeiro e Cacabelos deita uns resultados coincidentes coa sondaxe feita hai uns días entre as súas lectoras polo medio Infobierzo. En ambos os dous casos, a opción de que O Bierzo pase a se integrar na Galiza é a máis apoiada.

O traballo de Huaris, recollido por Infobierzo, é un estudo demoscópico, e polo tanto con maior rango de obxectividade. Á pregunta de que configuración territorial é a que prefiren as e os bercianos, 38% pronúncianse a favor de que esta comarca pase a se integrar na Galiza.

Son 16 puntos máis que a segunda opción máis votada, a dunha autonomía leonesa integrada por León, Zamora e Salamanca (22% dos votos). A escolla desa autonomía de León integrando tamén O Bierzo como provincia é a preferida por 21% das persoas enquisadas. O Non Sabe / non contesta é a opción riscada por 19%.