Arranca esta sexta feira

A Festa da Xiba de Sada: unha ruta gastronómica de máis de 80 paradas

Albóndigas de xiba

 

Sada celebra esta fin de semana a novena edición da Festa da Xiba, una cita coa gastronomía na que participan máis de 80 establecementos da vila. Animación musical, premios directos e un concurso de tapas conforman o resto da programación.

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo organiza esta fin de semana a IX Festa da Xiba de Sada. Cunha programación onde destaca a xa tradicional ruta gastronómica polos bares da vila, as persoas asistentes a estas xornadas poderán degustar, a través do concurso de tapas, as propostas que teñen preparadas os 13 locais participantes, todas elas co cefalópodo como protagonista.

 

Estes pratos, que serán servidos en forma de tapa con cada consumición ao prezo de 1 euro, poderán degustarse nos 13 locais que toman parte do concurso, e que están divididos en tres zonas do casco urbano: Centro da vila, zona da praia e Porto. No centro, as propostas serán: Xiba na súa tinta do bar A Lagoa, tartar de xiba con garabanzos e crocante do Rincón de Burgos, e nido de xiba do bar Antoxos. Na praia, os asistentes poderán probar o brazo de xiba do bar A Nosa Viña, o guiso de xiba de La Esquinita, a xiba “Costa da Morte” do mesmo mesón que lle dá nome, xiba en arroz caldoso da Marola e croqueta de xiba do Sada Bay.

 

Na zona portuaria participarán o Mesón Nordeste coas súas albóndigas de xiba, o restaurante Ría de Sada cunha tapa de xiba en salsa de albariño e lagostinos, El Canalla cun molete de xiba en tinta con alioli de aguacate, e o Covad’anca, coa súa “perla das mariñas”. Todas as propostas serán avaliadas por un xurado profesional composto por Maruxa Quiroga, directora executiva de Tastelab, Marcos Balboa Beltrán, presidente de Jóvenes Empresarios de Galicia, e Fernando España, administrador do grupo Eres de Tapas Si, entre outros.