Nove mobilizacións demandarán este domingo unha nova planificación eólica "real, con obxectivos sociais e ambientais"
A Coordinadora "Eólica Así Non" xa convocara mobilizacións para o pasado 26 de xaneiro, pero tivo que suspendelas ese día por mor do temporal.
A Coordinadora "Eólica Así Non" traslada para este domingo, 9 de febreiro, as mobilizacións polo Día Mundial da Enerxía Limpa, que tivo que suspender o pasado 26 de xaneiro por mor do temporal.
A coordinadora fai un novo chamado á sociedade para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta da Galiza. Un modelo que "non ten en conta os intereses da poboación" e ten como principal obxectivo “beneficiar o capital, á costa de xerar graves impactos medioambientais" e "expulsar as comunidades de persoas afectadas e a cidadanía en xeral da toma de decisións”.
A coordinadora denuncia, ademais, a falta de respecto polas decisións xudiciais que demostra a Xunta da Galiza coa aprobación das últimas reformas legais, que “teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender, tanto no eido administrativo como xudicial, diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio”, destinando recursos públicos para exercer "violencia institucional" contra as comunidades veciñais afectadas.” Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social”, afirman desde a coordinadora.
"Eólica Así Non!" aposta por unha nova planificación eólica "real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe o pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas".
Mobilizacións
Este domingo decorrerán mobilización nos seguintes concellos:
- Cartelle (Terra de Celanova). Concentración na Alameda, ás 12 horas.
- Val do Dubra (comarca de Compostela). Concentración diante do Concello de Bembibre, ás 12 horas.
- Mazaricos (Xallas). Andaina ata o Castelo de Bradufe. Saída do Alto da Ruña ás 12 horas.
- Ortigueira (Ortegal). Andaina a Pena Ouseira. Saída no Bar A Rodela, ás 11 horas.
- Marín (O Morrazo). Concentración diante do Concello de Marín, ás 12.30 horas.
- Pontevedra. Concentración na Praza da Peregrina, ás 11 horas.
- Campo Lameiro (comarca de Pontevedra). Andaina. Saída na Escola de Couso, ás 16 horas.
- Sarria (comarca homónima). Concentración no Cruce de Catro Camiños coa rúa da Liberdade, ás 12 horas
- Lugo. Concentración diante do Concello de Lugo ás 12 horas. Saída en manifestación até o Multiusos da Xunta.