Novas mobilizacións nas cidades galegas por unhas pensións “públicas e dignas”

As protestas, convocadas polo colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG diante de edificios administrativos do Goberno español e da Xunta, repetiranse con carácter mensual até finais de ano. 

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG realizou eta quinta feira concentracións na Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo na defensa “dunhas pensións públicas dignas e garantidas e para esixir un sistema público galego de atención ás persoas”.

As protestas, realizadas diante de edificios administrativos do goberno español e da Xunta de Galiza, repetiranse con carácter mensual até finais de ano. 

Dende o colectivo advirten que a crise económica derivada da crise sanitaria está a servir de escusa a UE para exixir reformas das que o sistema público de pensións é obxectivo principal.

Nas concentracións salientouse que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado e que máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros.

Xunto a isto, chaman a atención sobre a precariedade das pensións das mulleres galegas, que de media perciben case 300 euros menos que un galego e sobre o feito de que das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.