Soben os novos casos rexistrados mentres se mantén a tendencia descendente en hospitalizacións e activos

Unha muller sométese ao test de antíxenos nun cribado masivo na Coruña. (Foto: Europa Press).

Galiza mantén a tendencia descendente de hospitalizados con Covid-19 con 448 ingresados, 24 menos que a xornada anterior, deles 93 en UCI, e tamén en canto a casos activos, con 4.453.

Galiza mantén a tendencia descendente de hospitalizados con Covid-19 con 448 ingresados, 24 menos que a xornada anterior, deles 93 en UCI, e tamén en canto a casos activos, con 4.453, cando se fai un ano do primeiro positivo confirmado na Galiza -na área da Coruña e Cee-.

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas desta cuarta feira, hai 93 ingresados con Covid en UCI, catro menos que a xornada anterior, e 355 noutras unidades, 20 menos.

Os pacientes Covid hospitalizados redúcense en seis do sete áreas sanitarias galegas, agás na de Ourense, onde se manteñen sen cambios con dous en UCI e 34 noutras unidades.

Os casos activos seguen a tendencia descendente até situarse en valores da primeira quincena de outubro, con 4.453, o que supón 233 menos que a xornada anterior. Segundo os últimos datos actualizados, descenden no sete áreas sanitarias galegas.

Por contra, os contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba proseguen unha tendencia ascendente paulatina desde o inicio da semana – a segunda feira sumou 103, a terza feira 117 e a cuarta 173-, con 191 esta quinta, dos cales 161 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- mantense nun 2%, tras situarse lixeiramente por baixo desa cifra desde o inicio desta semana. Deste modo, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia, hai xa un ano, faleceron 2.259 persoas diagnosticadas con Covid-19, despois de notificar as autoridades sanitarias na noite desta cuarta feira 3 novas vítimas.