Nova vaga de concentracións na Galiza pola liberdade de Pablo Hasel

Imaxe dunha concentración na Coruña de hai uns días pola lliberdade de Hasel.

Esta sexta feira, ás 20:00 horas.

Esta sexta feira están convocadas na Galiza varias mobilizacións pola liberdade de Pablo Hasel así como dos presos e presas políticas”. A cita é as 20:00 horas e as localidades onde están convocadas son Vigo (aquí ás 19:00 horas), A Coruña, Ourense, Pontevedra, Lugo, Compostela e Burela (aquí ás 20:30).

Convocadas por Ceivar, as mobilizacións reclaman a liberdade do rapeiro catalán, detido hai uns días e preso a raíz dunha sentenza da Audiencia Nacional. Esta sería a terceira vaga de concentracións na Galiza pola liberdade de Pablo Hasel, após as decorridas a semana pasada e a anterior e na que tomaron parte centos de persoas en diferentes cidades e vilas galegas.

"Non van por Pablo, van detrás de todos", denunciaba o manifestó lido daquela, no que se censurou a actuación do "Goberno máis hipócrita da historia"  e advertíase de que España é o Estado "con máis artistas encarcerados do mundo" por diante de países como Turquía e Marrocos.

O pasado mes de novembro o Tribunal Constitucional español rexeitou o recurso de protección do amparo contra unha sentenza do alto tribunal español que o condenou a nove meses e un día de prisión por enaltecemento do terrorismo co agravante pola reincidencia e por insultos e calumnias á monarquía española e as forzas e forzas de seguridade do estado.

Esta sentenza súmase aos dous anos de prisión impostos polo mesmo Xulgado en 2014, tamén por enaltecemento do terrorismo, polas letras dalgunhas das súas cancións sobre GRAPO, ETA e Terra Lliure.