"Non é razoábel": O reitor da USC rexeita crear novas facultades de Medicina na Galiza
Antonio López asegura que "o mellor modelo" para a Galiza é o da "descentralización" da docencia clínica e teórica.
O reitor da USC, Antonio López, remarcou a súa aposta por manter unha "única" Facultade de Medicina e mostrou o seu rexeitamento para crear unha na Coruña xa que, ter máis, "non é un modelo razoábel". Con todo, mostrouse a favor da descentralización a docencia clínica e teórica.
"Teño claro que o modelo polo que temos que loitar e traballar todos é o dunha única Facultade de Medicina e aproveitar todas as capacidades que ten o sistema e dar xogo a todos os profesionais", detallou este domingo nunha entrevista en Cadena Ser. Neste sentido, asegurou que "o mellor modelo" para a Galiza é o da "descentralización" e considera que se debería imitar o modelo que segue en Euskadi que é "o que máis se parece".
En concreto, os tres primeiros anos impartiríanse en Santiago de Compostela e, a partir do cuarto, daríase a descentralización —tanto teoría como parte clínica— noutras cidades. "Cando falamos de descentralización trátase de cuarto, quinto e sexto", indicou o reitor, á vez que apuntou á necesidade de "ter profesores" nos hospitais onde se van situar as unidades descentralizadas.
"Eu reivindico que a titulación ten que ser responsabilidade da USC, das súas facultades e dos seus departamentos [...], é un requisito imprescindíbel", asegurou Antonio López. "Sen prexuízo", continuou, como xa se atopaba no acordo, de que se poida contar coa colaboración doutros profesores doutras universidades, Vigo e A Coruña, baixo a condición de área externa e cun "límite razoábel".
O reitor da USC asegurou que, tanto ao seu homólogo en Vigo como a el, "sorprendeulle" a idea de que a Universidade da Coruña pedise ter unha facultade de Medicina. "A min dáme a sensación de que hai unha opinión maioritaria de que temos que buscar unha solución para non ter que chegar a duplicar ou triplicar as facultades de Medicina públicas na Galiza", apuntou.
Alcaldía de Santiago
Noutra orde de asuntos, preguntado sobre a posibilidade de que sexa candidato do PSdeG para a alcaldía de Santiago, López asegurou que "descarta por completo" esa idea e, se llo pedisen, "diría que non".