Un fin de ano para todos os públicos: Soutomaior prepárase "vivir" o Nadal e despedir 2024
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, presentaron a programación que dende o Concello teñen preparada para finalizar o ano. Un fin de ano para que todas as persoas poidan despedir e vivir o fin de ano dende Soutomaior.
A primeira destas citas terá lugar o domingo 29 de decembro co Baile de Nadal para os maiores de 65 anos. Un baile que estará amenizado polo Trío Azbache e que se desenvolverá na Casa do Pobo do Val Sobral. Este baile será totalmente gratuíto e contará con cotillón e cholocatada. Para esta cita o concello porá, tamén de balde, a disposición das e dos veciños, buses lanzadeira dende Arcade, pasando polos barrios de Soutomaior até chegar ao lugar da celebración. As persoas interesadas en asistir só teñen que inscribirse en liña entre o 9 até e o 20 de decembro. Para facilitar dita inscrición as persoas que o desexen contarán con axuda nas Oficinas Xerais do Concello, en Soutomaior, e nos Servizos Sociais no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), en Arcade.
Tras este evento chegará a quenda das crianzas. Para elas a cita terá lugar o propio día de fin de ano co espectáculo 'Prebadaladas' de Peter Punk. Un evento que se desenvolverá na Alameda de Talo Río en horario de 17.30 a 18.30 horas.
A despedida final deste 2024 chegará coa Gran Festa de Fin de Ano, que terá lugar na noite do 31 de decembro na Alameda de Talo Río. A cita será de balde e que estará protagonizada por La Yaya DJ, encargada de pór a bailar a todos os públicos que se acheguen a "vivir" a noitevella en Soutomaior. A festa decorrerá nunha carpa climatizada con "roupeiro, cotillón, bingo musical e moito máis...". A celebración dará comezo a partir das 00.45 horas.
Vivir o Nadal
O Nadal de Soutomaior dará comezo este sábado, 7 de decembro, co acendido das luces, unha cita para a que desde o Concello contarán coa colaboración especial do colectivo En Positivo, Asociación de Diversidade Funcional e a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona.
O lema escollido polo Goberno local para a campaña deste ano é 'Vivir o Nadal en Soutomaior', un propósito que atinxe desde o comercio local á cultura, pasando polo deporte, as relacións interxeracionais, a diversidade, a conciliación ou a economía circular.
Neste sentido, a programación de Nadal inclúe propostas en cada unha destas áreas. 'Vivir o comercio local' ten en marcha a iniciativa Nadal no peto "para incentivar o gasto no comercio e hostalería local destinando 1500 euros repartidos en quince premios de 100 euros que se sortearán entre as persoas que realicen unha ou varias compras por valor mínimo de 20 euros nun estabelecemento comercial ou hostaleiro do Concello de Soutomaior –compras desde o 4 de decembro de 2024 até o 6 de xaneiro de 2025, ambos incluídos–.
'Vivir a economía circular e a solidariedade' porá en marcha un mercado de segunda man, "porque son moitos os obxectos que poden ter unha segunda e así reutilizar, renovar ou reciclar para así incidir no respecto e coidado polo medio ambiente á vez que fomentamos actitudes solidarias onde compartir o que xa non usamos ou non queremos". Esta feira contará cun punto de recollida de alimentos non perecedoiros destinados ás persoas máis vulnerábeis.
'Vivir o deporte', reforzará os vínculos sociais a través das actividades físicas para todos os públicos como na carreira San Silvestre que se desenvolverá o sábado 28 de decembro. 'Vivir a mestizaxe das tradicións e a interculturalidade', achegará un programa no que están presentes figuras como a do Apalpador, a de Papá Noel e a tradicional Cabalgata de Reis. 'Vivir o tecido asociativo', impulsará a participación veciñal a través do Concurso de Doces de Nadal, dos concertos de Nadal coa participación das asociacións musicais e con presenza en todos os barrios do concello.
'Vivir a cultura' achegará unha programación para todas as idades "onde desfrutar de espectáculos musicais, teatrais, concertos, obradoiros e unha morea de propostas de lecer para a mocidade, a terceira idade e as persoas de todas as idades". 'Vivir as relacións interxeneracionais', implicará os centros educativos e os centros de maiores, creadores de espectáculos compartidos. 'Vivir a diversidade funcional' incluirá actividades adaptadas e visibilizando as múltiples capacidades das persoas, xa desde o acendido de luces.
'Vivir as persoas maiores' contará cun gran baile de Nadal no que non faltarán o cotillón e a chocolatada e mais cun obradoiro de Risopercuterapia "para rir cantar e bailar e seguir exercitando corpo e mente". Por último, 'Vivir a conciliación' porá ao servizo das familias os campamentos Concilia que se desenvolverán do 3 ao 23 de decembro no Centro de Benestar Integrado. As inscricións faranse en liña ate o 9 de decembro ás 14 horas.