Noite de homenaxe ao voluntariado do Prestige en Pontevedra

Os Tres Trebóns, a Magnifique Bande dos homes sen medo, Sés e Ruxe-Ruxe, coa condución a cargo dos Regueifeiros Trioliro, lembrarán esta noite o traballo desinteresado de milleiros de persoas na limpeza das praias galegas

 

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), dentro dos actos para celebrar os seus 25 anos de loita ecolóxica, preparou para hoxe unha Festa-Concerto de homenaxe ao voluntariado que traballou tras a catástrofe no ano 2002 do petroleiro Prestige. O Recinto Feiral de Pontevedra lembrará con música, a partir das 21 horas, aqueles día de praia e chapapote. Entre os artistas que participarán figuran Os Tres Trebóns xunto a Magnifique Bande dos homes sen medo, Sés e Ruxe-Ruxe, coa condución a cargo dos Regueifeiros Trioliro. Ademais da música a organización preparou postos de polbo, empanada, viño e cervexa.

O voluntariado protagonista

Nesta festa contarase cunha parte do voluntariado que axudou aqueles días. A propia APDR supervisou o traballo de máis de dous mil destas persoas que axudaron a limpar as nosas praias da contaminación que chegaba do Prestige. "Quixemos agradecer o seu esforzo", asegura Manuel, o responsábel de APDR da organización eses meses e o seu portavoz esta noite. "Fomos capaces de realizar unha grande tarefa e cun 90% de voluntariado autóctono". Manuel conta que aqueles días o traballo daquelas persoas sería impensábel sen as asociacións "como APDR ou ADEGA". Quere deixar ben claro que o que aconteceu non foi espontáneo, senón algo moi traballado. Manuel aínda lembra "cando collemos a ponte do 6 de decembro para ir ás Ons e aquelo estaba asfaltado".

Vituco, Ruxe-Ruxe: "Quedoume, como a todo o mundo, a resposta do pobo, a resposta da xente, a sensibilidade coa terra que houbo aqueles días"

Colaboración musical

As formacións musicais e solistas desta noite en Pontevedra actuarán de xeito desinteresado. Vituco, cantante e guitarra dos Ruxe-Ruxe, afirma que "ogallá non houbera que celebrar nada de aquelo" mais unha vez postos "quixemos estar para colaborar coa xente da APDR no seu 25º aniversario traballando sen acougo pola defensa ecolóxica do noso país en co voluntariado que estivo aqueles días na retirada de chapapote". O propio Vituco lembra aqueles días de indignación. "Quedoume, como a todo o mundo, a resposta do pobo, a resposta da xente, o de ou facémolo nós ou non o fai ninguén, a sensibilidade coa terra que houbo aqueles días". Para o cantante de Ruxe-Ruxe "Foi unha lección que durará anos, quedou a ferro na memoria colectiva do pobo, orgullo dun país que non estaba adormiñado como se pensaba".

As entradas

A organización ten á venda as entradas para este concerto (7 euros) na Libraría Paz, rúa Peregrina, Galería Sargadelos, rúa Oliva, Eco-Sabor, rúa Pasantería, Vinoteca O Bioco, rúa Manuel Quiroga, Asoc. Veciñal Eduardo Pondal, a través do enderezo electrónico apdr@apdr.info ou ben chamando a 666 621 438 ou 657 095 584. O mesmo día do concerto, a partir das 20 h, estarán na billeteira do Pazo de Congresos.