Os Ninguéns cuestiona o dispositivo de loita contra o frío de Vigo e pide un plan estábel para as persoas sen fogar

Pertenzas dunha persoa sen fogar na antiga estación de autobuses de Vigo, o 6 de febreiro de 2025. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)

O colectivo socioeducativo Os Ninguéns reclama máis prazas permanentes no albergue, protocolos claros para o acceso a hostais e atención na rúa, e critica que as medidas anunciadas polo Concello de Vigo sexan "puntuais" e "pouco transparentes".

O Foro Socioeducativo Os Ninguéns, colectivo que traballa directamente con persoas en situación de rúa en Vigo, vén de facer público un comunicado no que cuestiona as recentes declaracións do alcalde, Abel Caballero, sobre o dispositivo municipal activado durante a vaga de frío. A entidade considera necesario aclarar datos, procedementos e prioridades, e reclama un cambio de modelo que vaia máis alá das actuacións puntuais en períodos de alerta.

Segundo os datos achegados polo rexedor, o albergue municipal contou con 41 prazas ocupadas —incluídas tres de emerxencia— e derivou 45 persoas a outros recursos, ademais de financiar 608 noitadas en hostais en vinte días. Desde o Foro Os Ninguéns apuntan que, tendo en conta os prezos hostaleiros do mes de decembro, isto suporía un gasto de entre 30.000 e 60.000 euros nun mes, e pregúntanse se non sería máis eficaz e sostíbel ampliar de maneira permanente as prazas do albergue ou manter durante todo o ano un sistema complementario de aloxamento hostaleiro.

Falta de transparencia

O colectivo denuncia tamén a falta de "información clara" sobre os protocolos. Aseguran que persoas do seu ámbito acudiron a urxencias sociais cando o albergue estaba cheo e recibiron como resposta que non había persoal nin instrucións para xestionar hostais, polo que marcharon sen solución. "Ese grupo de persoas que se dedican a buscar aloxamento, conseguilo e sufragalo, non o coñecemos", explican. "Pedimos, polo tanto, que se aclare cal é o protocolo a seguir para que toda persoa que desexe ser aloxada nun hostal poida facelo, para que a xente da nosa contorna que así o queira consiga tamén ese amparo, xa que descoñecemos outro procedemento que non sexa acudir a urxencias sociais, ao propio albergue ou á UTA", sinalan, advertindo de que a distancia entre o anunciado nos medios polo rexedor vigués e o vivido na práctica xera "desconfianza e desafección".

No mesmo sentido, Os Ninguéns cuestionan a afirmación municipal de que quen non obtivo praza foi atendido na rúa con alimentos e asistencia sanitaria. O colectivo asegura que o dispositivo que coñecen ofrece bebidas quentes e sacos de durmir, pero non comida nin atención médica, polo que solicitan explicacións detalladas sobre como acceder a eses servizos, se realmente existen.

Outro dos puntos críticos é a limitación de 15 días consecutivos de noitada no albergue, unha norma que consideran "claramente disuasoria" e que debería ser eliminada para favorecer a continuidade e a protección efectiva das persoas sen fogar. Aliás, poñen en cuestión a reiterada afirmación de que "quen está na rúa é porque quere", fronte aos propios datos municipais que indican que máis de 125 persoas aceptaron algún tipo de amparo cando se reforzou o dispositivo. "Persoas que normalmente, fóra da alerta de frío, non teñen este dispositivo reforzado nin, polo tanto oportunidade de refuxiarse. Non sería sensato entón ampliar o albergue cando menos ao dobre da súa capacidade actual?", cuestionan desde o colectivo.

Atención durante todo o ano

Por todo isto, o Foro Os Ninguéns pide ao Concello de Vigo un plan integral de atención ás persoas sen fogar durante todo o ano, que inclúa a ampliación estábel do albergue, protocolos transparentes para o acceso a hostais e reforzo real da atención na rúa. Reclaman tamén avanzar nun parque público de aluguer social, lembrando que iniciativas como o plan Casa 47 deixan fóra as persoas con menos ingresos, precisamente as que se atopan en situación máis urxente.

Finalmente, o colectivo lembra que a Xunta da Galiza tamén ten competencias en materia de vivenda e chama a ambas as institucións a traballar de maneira coordinada para evitar novas mortes na rúa. "Desexamos un 2026 no que as mortes de persoas sen fogar na nosa cidade non volvan producirse, sendo a última a poucos metros do albergue hai apenas dous meses, nunha nave frigorífica onde vive un asentamento de dez persoas sen recurso habitacional alternativo", conclúen.