As Neves presenta a 30ª edición da súa Feira do Requeixo e do Mel

Presentación da Feira do Requeixo e da Mel das Neves (Foto: Concello das Neves).
A tradicional convocatoria aos medios de comunicación cambiou este ano con motivo da celebración da que será a edición número 30 da feira.

Trinta anos con historia, da cal foi protagonista toda a veciñanza das Neves Ese é o centro e o motivo deste 2023, e por iso, este ano, a presentación da 'Feira do Requeixo e do Mel' das Neves, estivo dirixida a elas e eles.

Cambiou, así, a tradicional convocatoria aos medios de comunicación para que a cidadanía fose a primeira en coñecer a programación desta 30ª edición, e tamén os primeiros en probar, reunidos na Casa da Xuventude da localidade, os produtos que se van servir os vindeiros días 7 e 8 de abril.

Xabier Fortes, o pregoeiro

Como apuntou a concelleira nevesa Rocío Barreiro, haberá "importantes cambios" en relación coas celebracións e o programa dos anos pasados, así, o showcooking, que tradicionalmente se organizaba, deixa paso ás "orixes do requeixo", con degustacións e elaboración de pratos elaborados co mesmo.

Tamén se abre unha 'paréntese', nos pregóns culinarios, que nos últimos anos tiñan como protagonistas cociñeiros da sona de Pepe Solla, en 2017; Iván Domínguez, en 2019 ou Iñaki Bretal o pasado 2022, e o pregoeiro será, nesta ocasión, un comunicador, o xornalista Xabier Fortes.

Poesía, paixón, paisaxe e persoas

O requeixo e o mel das Neves pódense definir, segundo indican desde o Concello como “poesía, paixón, paisaxe e persoas”. O encargado de pronunciar estas palabras foi o presidente da Cooperativa Condado Paradanta, Alejandro Martínez, quen deu a benvida ás persoas aos excelentes produtos das Neves e tivo unha lembraza, emocionada, a "todas e todos os que nos precederon, que fixeron posíbel co seu legado que hoxe esteamos aquí".

Martínez agradeceu que a nova normativa europea permita, desde hai so uns días, que o Goberno galego recoñecese o Requeixo das Neves como 'Alimento Artesán da Galiza', e asegurou que enlaza co lema ‘Vive nas Neves’, contribuíndo a que, cada día, sexa máis atractivo vivir nesta localidade.

"O Requeixo e o mel, xunto cos viños”

Fechou o acto o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, quen asegurou que "a feira do requeixo e do mel está no momento que lle corresponde".

Lembrou que pasaron 32 anos dende que comezara, ainda que só puidemos celebrar 30 edicións, por causa da pandemia, e felicitou que a feira decorra o venres santo, "foi un acerto de quen o pensou e hai que recoñecelo".

Por último, o rexedor amosouse satisfeito porque a decisión de engadir un día máis á feira o sábado, e trasladarla á Praza Maior, "deulle máis espazo, máis dignidade, mellorou a súa estética e a proxección duns produtos que, como o viño nos levan polo mundo, e iso é vivir nas Neves".

Actividades

As actividades deste ano, comezarán días antes da feira, concretamente, o domingo 2 de abril será a 'Andaina do Requeixo e do Mel', que rematará en Cerdeira onde haberá unha degustación de pratos elaborados con Requeixo amenizada pola da Banda de Música Popular de Rubiós. As prazas son limitadas e precísase inscrición previa.