As crianzas do Courel non irán á escola en protesta polos cambios no transporte

Protesta de nais e pais do colexio. (Foto: ANPA CEIP Uxío Novoneyra)

As familias do CPI Poeta Uxío Novoneyra levan semanas rexeitando a reorganización das rutas do autobús escolar estabelecida pola Xunta.

As nais e pais do alumnado do CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel non mandarán ás crianzas ao colexio mañá, coincidindo co regreso ás aulas, porque rexeitan a reorganización das rutas do transporte escolar imposta pola Xunta. Tamén están en contra do concurso para a contratación deste servizo.

A ANPA, que leva unhas semanas facéndose oír, advertiu que as e os estudantes ficarán nas casas en sinal de protesta contra un plan que “reducirá o número de rutas”. Así mesmo, tamén é unha forma de amosar a oposición a que se obrigue “a facer desprazamentos aínda máis longos para ir e volver do colexio” no caso dalgunhas usuarias.

Até a mudanza impulsada polo Executivo galego, a mobilidade das alumnas garantíase con taxistas de Folgoso do Courel e unha xestión por seis rutas.

Mais a licitación da Xunta elimina este sistema que funcionaba para a veciñanza e que daba traballo aos condutores, que levaban 30 anos ocupándose desta tarefa no ámbito escolar.

Porén, a Consellaría de Educación defende a validez do proceso porque “segue estritamente” o mandado pola Lei de Contratos Públicos e a directiva europea sobre o transporte escolar.

Fontes da Xunta din que non excluíron aos taxistas, pero que estes tiñan que terse presentado porque non ía existir unha adxudicación directa. Con independencia desa posibilidade, as familias xa xuntaron  preto de 3.000 sinaturas pola súa causa.

A ANPA conta, ademais, co apoio dos grupos políticos do municipio. Até a alcaldesa de Folgoso do Courel, a popular Lola Castro, arremeteu contra o deseño das rutas de transporte escolar da Xunta, que afecta a 30 estudantes neste municipio.