De negar o "colapso" a falar de momentos "concorridos": Así valora o Sergas a saturación das urxencias pediátricas de Vigo

Dispositivo multimedia no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Sergas)
O incremento de casos de virus respiratorios en crianzas pon en xaque o servizo sanitario galego.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñeceu esta segunda feira que as urxencias pediátricas do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo viviron momentos "concorridos" durante a fin de semana, o que obrigou a estabelecer un sistema de triaxe 24 horas para avaliar cada entrada no servizo segundo a hora de chegada e a gravidade da doenza.

Así o sinalou a xefa do Servizo de Pediatría de Vigo, Ana Concheiro, quen explicou que este ano o aumento de casos de virus respiratorios en crianzas deuse antes do habitual, xa que se empezaron a detectar a finais de setembro, a pesar de que adoitaban ocorrer a mediados de outubro ou principios de novembro.

Segundo indicou, os lactantes de pouca idade sempre son os máis afectados. Con todo, este ano notouse un aumento de casos en crianzas de 2 e 3 anos con estas patoloxías. Ao seu xuízo, débese a que son infantes que durante a pandemia non se infectaron de certos virus como o VSR polas medidas de protección, polo que agora están en contacto con el por primeira vez.

Preguntada sobre se é necesario solicitar á poboación que non se desprace até as urxencias hospitalarias, a xefa de Pediatría viguesa recomendou que aquelas persoas que presenten “patoloxías menores" non acudan, baixo o pretexto de non exporse a virus respiratorios máis graves.

Negativa de “colapso”

As declaracións de Ana Concheiro chegan despois de que o conselleiro de SanidadeJulio García Comesaña, negase a situación de "colapso" do servizo de emerxencias do Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Para Comesaña, "a palabra colapso é unha palabra moi forte para unha situación que non é tal. Colapso é cando algo deixa de funcionar e afortunadamente as urxencias en Vigo non deixaron de funcionar", asegurou en declaracións aos medios de comunicación, ao tempo que matizou que "é certo que hai unha maior afluencia de pacientes, crianzas neste caso".

O máximo responsábel de Sanidade tamén recoñeceu que "a situación pode volver repetirse dado o momento do ano actual", antes de intentar mandar unha mensaxe de calma á poboación. "Os nosos pequenos van ser ben atendidos e recibirán a mellor atención pediátrica posíbel", sostivo.